Un mundo multilateral

Estamos nunha conxuntura na que despois de trinta anos fican ao descuberto os límites da globalización neoliberal, que se ofrecía como un salto cualitativo porque caira o “socialismo real” e seica ía expandir os avances técnicos, e con eles o progreso a todos os recunchos do mundo. Mais, non tardou moito en evidenciarse un capitalismo senil que alimenta as súas eivas: sobre explota a man de obra, afonda a desigualdade entre países na cadea de valor, alenta as migracións forzadas, estraga o medio ambiente, dá pulo ás intervencións armadas, sancións e inxerencia do bloque dominante, e potencia a especulación e as actividades delitivas...


Como consecuencia medraron as contradicións a maiores niveis que calquera outro momento dende o fin da Segunda Guerra Mundial, tanto polas situacións de guerra, como na Ucraína, neste caso de confrontación directa entre o bloque occidental (G-7+OTAN) e Rusia como potencia emerxente, como noutros países que tamén teñen ligazón coa disputa pola hexemonía, como Iemen, Siria, Libia, Malí,... Ademais este medre das contradicións deu folgos á conflitividade interna entre poderes institucionais, tanto na periferia como no centro do sistema capitalista, por mor da loita polo poder carente de alternativas e reducida ao relato entre os partidos políticos da dereita e esquerda sistémica.


Fóronse debilitando os argumentos dun modelo “democrático”, cos que occidente se gababa da súa superioridade moral. Este modelo foise transformando en individualista e liberal relegando a un segundo plano a xustiza social, a soberanía nacional, así como o ben colectivo. A marxinación e estrema precariedade son tratados como casos específicos con medidas conxunturais ou coa inter-mediación das ONGs. Daquela que se fragmentase o voto e medrase a abstención, xa que se substituíu a proposta a corto e medio prazo, como parte dun proxecto estratéxico, polo argumentario e a disputa simbólica, e a teatralización do enfrontamento. As diferenzas no proxecto de sociedade son escasas, aínda así importantes porque condicionan a tendencia que como proxecto de cambio a corto e medio prazo.


Son contradicións, eivas e atrancos, que amosan que é urxente un novo sistema económico e social, comezando pola Unión Europea, que fai seguidismo vergoñento dos Estados Unidos. Co agravante de que a folla de ruta de Washington aposta á confrontación. Cómpre construír un mundo multilateral, onde para ben da humanidade o consenso non pode ser só obra dun grupo de potencias, e debese realizar con base na autodeterminación e a xustiza social.

Un mundo multilateral

Te puede interesar