Unha das noticias máis relevantes do verán de 2015 foi a do estourido que tivo lugar no porto da cidade chinesa de Tianjin o 12 de agosto de 2015. A explosión -similar á de algo máis de 300 toneladas de TNT- produciuse nas instalacións dunha empresa privada que almacenaba substancias inflamables e corrosivas, productos químicos tóxicos... e provocou graves destrozos, así como case dous centenares de mortos e uns cantos máis de feridos.
En tempos como os que corren, en que as novidades marchan segundo viñeron, o máis normal é que pouca xente se acorde xa deste feito, aínda que lembro que por estes lares se comentou bastante o feito pola presenza das instalacións de Reganosa na nosa ría.
Naturalmente, imaxes de todo tipo do grave accidente deron a volta ao mundo nos medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, fotos e vídeos que en nada foron esquecidas polo persoal.
Con ese convencemento, Antena 3 emitiu onte nas súas Noticias 1, imaxes da explosión de Tianjin para ilustrar a nova do que denominaba comezo do “bombardeo de misiles sobre Ucrania”. A falsidade demostrouna ben ás claras Maldita.es.