A memoria dos falares

Na prensa aparecía recentemente unha nova relacionada co Nomenclátor de Galicia, para que todos saibamos que a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia aprobou a proposta de revisión, corrección e actualización do mesmo. Se vai adiante esta proposta, incrementaranse de 41.409 a 42.909 os topónimos rexistrados.


Segundo sinala Antón Santamarina, o coordinador do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, este incremento de nomes de concellos, parroquias e lugares, prodúcese pola incorporación de novas entidades de poboación e, maioritariamente, por incorporar aldeas con moi poucos habitantes (unhas 1.100), non contempladas polo Instituto Nacional de Estadística (INE).


Neste traballo participaron aportando información os concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, “o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas”.


Galicia, cunha extensión que se achega aos trinta mil quilómetros cadrados, ten unha riqueza na súa toponimia verdadeiramente inigualable. Cunha superficie do seis por cento da superficie de todo o estado, ten un terzo das entidades de poboación, máis de trinta e oito mil. Os expertos, cando se refiren á toponimia menor ou microtoponimia, din que temos máis de dous millóns de “topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas”, moitos deles en risco de desaparición.


Despois do inxente traballo dos técnicos e científicos, e unha vez aprobado pola Xunta de Galicia, o Nomenclátor quedará composto por un total de 42.909 nomes (313 concellos, 3.788 parroquias e 38.808 aldeas). Hai cambio de nome oficial en 2.335 entidades ou asentamentos de poboación e en 182 freguesías galegas, que noventa e cinco cambiarán no seu nome, setenta, na advocación e as outras dezasete, nos dous elementos.


Os estudosos e académicos tamén se achegan ao mar e prestan atención a aqueles nomes empregados polas mariscadoras e mariñeiros que querían marcar as parcelas, as leiras do mar; para darlle un nome propio ao espazo marítimo e traballar cada un no seu.


A Tía Manuela, sabedora de onde veñen, aplaude estes cambios, convencida de que serán para ben e respectuosos co falar e a memoria dos falares, aínda que lle gusta máis comer o pulpo que o polbo.

A memoria dos falares

Te puede interesar