A literatura gastronómica

Os seres humanos somos o que comemos e dende tempo inmemorial acostumamos comer tres veces ao día, aínda que algúns inxiren algún petisco máis entre horas. Xa que logo, comer converteuse nun dos praceres que a vida nos outorga. Ora ben, nos tempos que corren somos máis esixentes á hora de sentarmos diante dun prato, non nos serve calquera cousa feita de calquera xeito: queremos que a comida estea ben elaborada. A Xoán Prados, mugardés trasladado dende moi pequeno a Barcelona, onde estudou e fíxose químico, gústalle pescudar nos papeis, escribir e contar, quizais máis isto que aquilo. Ten publicado varios libros sobre música, historia e gastronomía. Amante da copla e o bolero introdúcenos nestes apartados musicais dun xeito directo e ao tempo didáctico. Escribiu un libro sobre Comerma en catalán, un personaxe que ten moito que ver con Ferrol. Ten un libro sobre a lamprea que é referencia. Lino con sumo interese malia non ser a lamprea un animaliño polo que eu sento unha especial atracción. Confeso que como máis con os ollos que co padal. Esa boca redonda con eses dentes...


Xoán Prados remata de presentar un novo libro o xoves pasado en Ares titulado “Guía para aficionados a la Literatura Gastronómica”, no que dentro dunha ampla nómina de autores que trataron a gastronomía nas súas escritas elixiu a cinco: Álvaro Cunqueiro, Víctor de la Serna, Néstor Lujan, Julio Camba e Josep Pla, aí queda iso! Non se trata dun libro de receitas culinarias e si de como viron e viviron  eses autores o mundo da gastronomía. Dentro das nosas lembranzas infantís quizais unha das máis fortes sexa o arrecendo da comida que preparaba a avoa, aquel poio en pepitoria coas patacas fritidas na forma de acordeón. É algo que nada máis pensalo xorde de súpeto aquel aroma evocador a festa familiar. A avoa mataba un polo como ofrenda a algunha conmemoración e preparábao tan ben que para nós era un luxo culinario. Todo isto vénnos dicir que non é necesario recorrer a pratos sofisticados: que a cousa sinxela, ben tratada e elaborada pode resultar un manxar exquisito. Prados, malia indagar polos procelosos camiños da gastronomía, é un bo gastrónomo, así que cando fala de comidas faino co coñecemento de causa. No libro, malia contar o que eses cinco autores elixidos din da gastronomía, aparecen experiencias persoais do autor relatadas con importantes doses de bo humor e sabedoría. Pirandello tiña seis personaxes que andaban na procura dun autor. Cunqueiro, de la Serna, Luján, Camba e Pla atoparon a Xoán Prados, o autor que os reuniu neste libro baixo o fío condutor da gastronomía, do bo xantar. Un pracer a bo seguro para os lectores que se animen a degustalo.

A literatura gastronómica

Te puede interesar