Lembranza dun militante exemplar

Moncho Reboiras Noia criouse en Teis, un dos barrios máis populares de Vigo, moi preto do estaleiro Vulcano. O 12 de Agosto de 1975 foi asasinado pola policía franquista nun portal da rúa da Terra no Ferrol. Tiña 25 anos, titularase de enxeñeiro técnico electricista e traballou en varias empresas de Vigo e A Coruña.


Contrariamente ao que se podería pensar, a Unión do Povo Galego, partido do que era dirixente, só desenvolveu algunha actividade armada na procura de recursos. Daquela que Reboiras destacase na formación da Fronte Cultural e da Fronte Obreira (neste último caso tamén participou o que escribe este artigo). Era así porque a UPG ligaba o proxecto estratéxico, soberanía nacional e socialismo, ás reivindicacións sociais e laborais do momento, ao recoñecemento pleno da nosa cultura e lingua... Lembremos que a Fronte Obreira impulsou os xermolos sindicais en varias cidades, e destes xurdiu en maio de 1975 o Sindicato Obreiro Galego e o Eixo como seu voceiro.


O nacemento do SOG, e doutros sindicatos, como a UTEG, puxo as bases da que sería a máis forte das organizacións do nacionalismo e do sindicalismo hoxe na Galiza, á CIG.  Esta  central en recoñecemento renomeou a súa fundación de estudos e formación sindical, como: “Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza”.


Moncho era unha persoa disciplinada, aberta ao debate, de fácil relación cos demais. O seu asasinato foi unha perda insubstituíbel, e ao mesmo tempo un revulsivo, especialmente entre a mocidade. Unha demostración da entrega e coherencia que axudou a colocar ao movemento nacional popular galego como referencia nunha conxuntura decisiva. Foi así porque Reboiras formaba parte dun partido en plena expansión de xente moza procedentes das clases populares e a liberación nacional e social de Galiza é unha necesidade. O partido tomou nota da represión do ano 1975, e ademais de condenar o asasinato, fixo cambios para aumentar súa incidencia social e gañar en participación, evitando o illamento.  


Moncho Reboiras foi representación da transformación que se estaba a producir na esquerda na Galiza, que se reflectiu no conflito de Castrelo de Miño, o paro estudantil de 1968 e as folgas laborais de 1972 en Ferrol e Vigo. Unha tendencia que colleu pulo coa morte do ditador; completándose o proceso con dous pasos negativos: o entreguismo dos pactos de Moncloa e as competencias limitadas para as nacións dependentes no Estado das Autonomías. Unha nova etapa, con novos marcos,... que non mudaban o esencial. E novos suxeitos políticos.

Lembranza dun militante exemplar

Te puede interesar