O de Jumilla, para reflexionar

Son dos que cren que é imprescindible coñecer o pasado para camiñar con paso decidido cara ao futuro. Non somos consecuencia dun brote espontáneo dunha civilización e si dun conglomerado de influencias que marcaron decididamente o que arestora somos. E un dos influxos que decidiu o noso xeito de ser foi a cultura árabe. Non debemos esquecer que os árabes estiveron aquí oitocentos anos deixando unha pegada que sen dúbida marcou o noso devir. A civilización árabe reuniu a musulmáns, cristiáns e xudeus. Este crisol de culturas non estivo exento de tensións, sen dúbida, pero dou lugar ao que neste intre somos. Producíronse descubrimentos nas ciencias e nas artes que melloraron a nosa vida converténdose en parte integral da nosa civilización. Sería longo enumerar as contribucións da cultura árabe nas matemáticas, astronomía, medicina, arquitectura, navegación, horticultura, etcétera. Pero todo isto non ten importancia para os que proclaman a cultura do odio ao diferente, aos que cren que os seus valores son os que contan, que as súas crenzas son as verdadeiras e incontestables os seus principios morais  que inducen a frear calquera iniciativa que propuña tradicións diferentes ou costumes distintos as que consideran como exclusivamente españolas. O acontecido estes días na localidade de Jumilla é un exemplo palpábel. Esquecer o que fomos, de onde vimos e devolvernos a unha España en branco e negro, sen matices, con censura e impedimentos aos que pensen distinto  é o que pretende “Vox” e os seus partidarios: faceren unha España “grande”, “única” e “libre” de influenzas foráneas onde non existan tendencias e costumes diferentes as que marca a nosa sacrosanta tradición. Deportalos a todos e que tan só queden aquí os verdadeiros fillos de Don Pelayo!. Chegados a este punto tivo razón Rafael Rufián cando dixo aquilo de que si se leva a cabo a deportación de oito millóns de inmigrantes aquí tería que poñerse a traballar ata Santiago Abascal.


Negarlles a máis de tres mil musulmáns moitos deles españois dos case trinta mil que ten Jumilla o polideportivo da localidade para celebrar a súa festa relixiosa, cando menos parece un agravio, unha mostra máis desa xenofobia na que está empeñado Vox salpicando a un PP que se arrastra empurrado polas circunstancias que marcan as súas comenencias. 


Pretenden borrar do mapa  todo signo de diversidade, volver as vellas tradicións, animadversión ao estranxeiro e á exaltación do espírito nacional fronte á heteroxeneidade cultural. Retroceder á longa noite de pedra. É iso o que desexamos?

O de Jumilla, para reflexionar

Te puede interesar