A inflación e o búmerang das sancións

Non é algo secundario que a taxa de inflación sexa maior no noso país que a media do Estado español (EE), fainos perder competitividade e tampouco se pode obviar que afecta máis negativamente ás clases populares. Esta tendencia consolidouse no que vai de ano. No mes de xaneiro de 2002 en termos anuais a media no EE era do 6,1%, xa moi elevada, mentres que na Galiza atinxía o 6,8%. E este diferencial negativo foi a máis, de tal xeito que no mes de xuño era do 10.2% e 11,1% respectivamente. Os aumentos destacan na vivenda e enerxía un 23,8% (moi por riba da media estatal que era do 19%), no transporte 19,5%, alimentos 12,6%, e restaurantes e hostalería un 8,8%. 


A inflación xa era moi elevada a primeiros de ano, polo que non ten orixe na guerra da Ucraína, aínda que foi potenciada polas sancións a Rusia, como resposta dos Estados Unidos e a UE pola invasión á Ucraína. Estas medidas implicaron o cerco económico a Rusia, a demonización da Federación, e o envío de armamento e de información militar a Kiev. Mais dado a dependencia enerxética da UE respecto de Moscova, convertéronse nun búmerang aumentando o prezo das importacións e reducindo o subministro, que foi enviado a terceiros países que lle ofrecen garantías. 


Solucionarase este atranco, e os altos prezos da enerxía, só coa importación de Estados Unidos, Nixeria, monarquías do Golfo, etc? Todo indica que o proceso de substitución será longo e complexo, máxime cando a UE ao mesmo tempo aumentará os xuros dos créditos, Alxeria enviará menos gas, e debéranse ampliar os programas sociais para compensar o gasto extra das familias que non chegan a final de mes. Ao que hai que engadir que no EE ao mesmo tempo quérese duplicar o gasto en defensa, e xa se mercaron avións de guerra por 2 mil millóns e decidiuse un medre extra no orzamento doutros mil millóns (o que deixa en evidencia a aposta pola vía da confrontación por parte do Governo central). 


Polo tanto neste contexto todo fai pensar que a inflación non será unha anécdota, máxime se a guerra na Ucraína se estende, e ademais a reconstitución dos fluxos no mercado enerxético (e doutros produtos) levará tempo. Por se non abondase toda alternativa ao carbón, petróleo e gas ruso implicará un maior custe, como xa acontece coa enerxía que procede de Estados Unidos, en beneficio de potencias como China e India, que melloran en competitividade, fortalecendo o proceso de desprazamento da centralidade económica cara Asia do leste. Esta confrontación, que se apoia dende a UE, converteuse nun búmerang. 

A inflación e o búmerang das sancións

Te puede interesar