Anosa vida completa vaise compondo de significativos referentes esenciais e vitais.
No noso Seminario de Mondoñedo, se a alguén lle debemos alma, corazón e vida, sabedoría, fe, ciencia e sinxeleza foi a ti, querido D. Uxío.
Soubeches encher de música, beleza e poesía, desde os amenceres ata os grandes silencios daquel estilo de vida de tempos, aínda tan sombrizos.
De saber enciclopédico a ti sempre recorriamos na procura de luz, ideas, metodoloxías, fontes bibliográficas das máis diversas procedencias.
Ti con paciencia, escoita activa, empatía e con docencia acreditada sempre abrías paso certeiro e seguro.
Cando dos anos cincuenta en diante aínda seguiría moita escuridade nas contornas, ti espírito libre, sempre fuches un fiel servidor da verdade sen medos, sen trampas, sen servilismos. Grazas mestre!
Como especialista de estudos bíblicos sempre estiveches abrindo camiños sen medo ao Deus que se nos revela no aquí e no agora do acontecer cotián da “ruah”, o alento do Santo Espírito.
Home de fe, esperanza, alegría profunda, e finura espiritual, mestre humilde e servidor para os máis pequeniños do Reino de Deus a súa xustiza. Que exemplo!
Querido Uxío, Lembro ben cando nas aulas de Historia de Literatura Universal, ano 1957, nos falaches de Gabriela Mistral. Nestes intres quero pedirlle prestada a ela esta oración:
“Señor, Tú sabes como con encendido brío, por los seres extraños, mi palabra te invoca. Vengo ahora a pedirte por uno que era mío”.
“Te digo que era bueno, te digo que tenía el corazón entero a flor de pecho, que era suave de índole, franco como la luz del día, henchido de milagro como la primavera. Y de preces y de sollozos, fatigaré, Señor, tu oído”.
Ti sempre nos ensinaches a amar, estudar, usar, querer e fomentar e defensa de todas linguas como apertura universal a un mundo que se nos abría. E iso como agradecemento ao sagrado herdo dos devanceiros, sobre todo se son a fala dos máis humildes.
O Verbo fíxose palabra “encarnada” na voz humilde dos máis pobres. Por iso Xesús falaba no arameo humilde dos empobrecidos do mundo.
E por iso ti nos ensinaches a dignidade e a estima da nosa lingua galega. Con que emoción nos sinalaches aquel poema de Lamas Carvajal: “Fálame nesa fala melosiña, que celestiais armunías ten; fálame na linguaxe da terriña se é que me queres ben”.
Pois cando hoxe volves ao seo agarimoso da nosa Terra Nai quero usar esta loa esperanzada da Apocalipse (14:13-16):
«Benaventurados os que morren no Señor. Que descansen das súas fatigas porque o Señor os acompaña».
Ti fuches e serás sempre un deses benaventurados. Ese referente grande e indelébel “dos bos e xenerosos”.
Grazas, benquerido D. Uxío, por todo e moito máis.