Cando eu era un neno na miña vila íase a luz con moita frecuencia, tanta que xa estabamos acostumados a irmos na procura das candeas para alumarnos naquelas ausencias de luz eléctrica que duraban as veces horas. Isto producíase pola precaria infraestrutura dunha central de propiedade privada que proporcionaba corrente á vila cuxo mantemento estaba a cargo dun home ao que todos se encomendaban cando nos invadía a escuridade sobre todo nas longas noites do inverno . Eran, como digo, outros tempos, cheos de limitacións nas cousas máis esenciais, insuficiencias coas que estabamos acostumados a convivir.
Lembro unha sesión na tarde do domingo no cine “Rex”, que todos coñecíamos como o cine “Novo” porque había outro en fronte máis antigo que chamabamos o cine “Vello”, na que a luz foise máis dunha vez. Ao terceiro apagamento a grea xuvenil comenzouse impacientar, a berrar e patear o que motivou que o fillo do dono da sala irrompese nela tratando de manter a calma ao berro de: tranquilos, tranquilos, que a luz xa ven por Franza!! Isto acontecía a finais da década dos cincuenta pero a nós aínda non chagaran os efectos da Segunda Revolución industrial que en España non comezou a manifestarse con forza ata pasada a metade do século XIX e na que a enerxía eléctrica xogou un papel fundamental.
Hoxe dependemos absolutamente da enerxía eléctrica e o desacougo e desamparo é grande cando non a temos a man aínda que sexa por un intre. O outro día sofremos un apagamento “histórico” cando España e Portugal quedaron sen fluído eléctrico e axiña xurdiron todo tipo de conxecturas: que se era un ataque informático, que se Trump, que se Putin, ou quen sabe se un chinés de 17 anos que estaba a xogar co seu ordenador e decidiu facer unha canallada.... Ao final, como era de supor, todo apunta a cuestións de tipo técnico, tal vez pola irresponsabilidade das grandes compañías do sector, que afortunadamente se resolveron nunhas horas.
Houbo históricos apagamentos polo mundo adiante. Na India no verán de 2011 más de 600 millóns de persoas quedaron sen electricidade, en Agosto de 2003 parte de EE.UU e Canadá tres cartos do mesmo. California sufriu tamén apagamentos por diversas causas e, dito sexa de paso, tardaron máis tempo que nós en normalizar o servizo, así que amigos da “crispada” oposición non lle busquen os tres pes ao gato e deixen de iren na procura de dar coa palla no ollo alleo sen quitar a viga do propio. Todos desexamos explicacións e poden que tarden un pouco en chegar, pero a verdade é que o problema se resolveu axiña, non si? Pois iso.