Gorbachev

Aló vai aquel extraordinario presidente ruso, do que din os analistas da Historia, que foi o maior estadista dos tempos modernos. Eu non son quen para opinar sobre este impresionante personaxe, mais teño unha lixeira idea do seu valor humano, sacada do seu libro perestroika , que seica significa reestruturación, no que fai unha exposición das moitas eivas da nación rusa e da necesidade de cambios profundos para utilizar plenamente todo o potencial do socialismo, conseguindo que cada cidadán participase na tarefa común. O libro, que non ten desperdicio, encerra unha mensaxe “para Rusia e o mundo enteiro” e está escrito nunha linguaxe moi sinxela. Das ideas expostas, eu sinalaría, a nivel mundial e popular, como un sinxelo exemplo, as seguintes: frear a carreira armamentista; evitar unha guerra nuclear da que non quedarían superviventes; controlar o abuso da utilización dos recursos naturais; conservar os idiomas de cada pobo, dentro da nación, mais cunha lingua común para todos; alentar as relacións internacionais... E como un interesante detalle final, a comprobación de que ao longo de 233 páxinas, nin un só insulto, reproche ou menosprezo para EEUU, senón unha permanente oferta de paz e diálogo. Impresionante, non si?

Gorbachev

Te puede interesar