O “Goethe” de Celso Emilio

Aí atrás andei facendo unhas unhas comprobacións sobre gravacións musicais galegas e, máis unha vez -e van non sei cantas-, batín coas musicalizacións do poema “Goethe”, publicado por Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra (1962) e pensei que desta volta non podía pasar o das veces anteriores e tiña que falar dese tema, porque ten unha historia curiosa. Mais, antes doutra cousa, creo que non está de máis reproducir o interesante poema, malia ser, penso, suficientemente coñecido:


Aquil señor burgués condecorado, / usía ou excelencia ben cebado, / que ronca con pracer na noite longa / e ten muller feliz, de teta oblonga, / con dous fillos petisos, deportistas, / un poco libertinos e «juerguistas», / idiotas pola nai, polo pai, grosos; / pondo dentes de can que venta os osos, / ponse a rosmar e morde: / «Eu prefiro a inxusticia ao desorde».


Sen dúbida, coñecín e aprendín ese poema de Celso Emilio cando llo escoitei cantar a Vicente Araguas, que lle puxera música, cousa infrecuente, xa que adoitaba facelo con composicións propias. De feito o único poema alleo que musicou e gravou foi “Os corpos”, da autoría de Alfredo Conde, que acababa de publicar a súa obra poética Mencer de lúas (1968). Porque o amigo Vicente nunca chegou a gravar o “Goethe” celsoemiliano. Si o cantou -e mesmo o cantamos, sos ou na compaña doutros amigos- en diferentes ocasións. Lembro ben unha no piñeiral da praia de Cabanas, en moi cálida noite de verán, onde tamén estaba o camarada Abelardo “o uruguaio”, coñecido tamén por Conoco. O poeta nedense gustaba do tema, gustaba dos versos e gustaba de cantalos. Penso -non recordo termos comentado esta cuestión- que se non chegou a gravalos foi por mor da censura, pois é un dos temas que figura entre os non autorizados para seren interpretados en recitais deses anos finais dos sesenta e comezos dos setenta.


Mais o Goethe si sería editado após a morte do ditador en dous LP de 1976: Ti, Galiza, de Miro Casabella, e Galicia, de Xerardo Moscoso. A fortuna destes vinilos foi ben diferente. Mentres o de Miro tivo grande difusión e recibiu excelentes críticas, o de Xerardo, gravado en Francia, apenas circulou entre nós.


O curioso é que, tratándose da mesma música, nos créditos do disco de Casabella, xunto ao tema “B3.a, Goethe”, se di: “Lyrics By – Celso Emilio Ferreiro. Music By – Jose Mario Branco, Luis Pedro Faro”, en tanto que no de Moscoso figura Vicente Araguas como autor da música. Desde logo que os magníficos arranxos realizados polos músicos portugueses non poden xustificar que figuren como autores. Non hai que ser ningunha caste de melómano para, escoitadas as dúas interpretacións, concluír que a música é a mesma.


É evidente que Xan Fraga, o maior estudoso da figura de Miro Casabella, cando, nun artigo sobre este e Celso Emilio Ferreiro -publicado en Terra e tempo (29-V-2012)-, dixo que “No seu primeiro LP, Ti Galiza incorpora María Soliña, realizando unha adaptación da música que fixera Xavier González del Valle. E fai o mesmo con Goethe, que musicara de Vicente Araguas”, non está reflectindo o que, como vimos, figura no disco.


Debe quedar claro, pois, que Vicente Araguas é o autor da música dese “Goethe” que, de xeito tan excepcional, nos ten cantado Miro Casabella.


Para Alberto Pombo, moi caro amigo, que sabe moito destas cousas

O “Goethe” de Celso Emilio

Te puede interesar