Galiza e a teoría da dependencia

a década dos sesenta e setenta do século pasado un grupo de pensadores da América Latina realizaron dende a periferia unha importante contribución para caracterizar aos países dependentes, partindo da realidade obxectiva de que neste contexto a clase traballadora estaba sometida a unha super-explotación. A súa achega é coñecida como a Teoría da Dependencia. Destacando entre os impulsores da mesma, na súa corrente marxista: Theutonio dos Santos, André Gunder Frank, Ruy Mauro Marini, Celso Furtado, Vania Bambirra,...; tamén Samir Amin estivo moi influenciado por esta corrente de pensamento.

Mais, sen dúbida foi o brasileiro Ruy Mauro Marini o que fixo un aporte teórico máis completo sobre a dependencia; que coido é de obrigado coñecemento para aqueles que vivimos na Galiza, polo papel subordinado do noso país. En Marini coinciden a militancia política e análise teórica, o que lle dá á súa obra un valor especial.

Dinos Mauro Marini en Dialéctica da Dependencia, un dos seus textos máis coñecidos encol do tema: “O problema que coloca o intercambio desigual para América Latina non é precisamente o de contrarrestar a transferencia de valor que implica, senón máis ben o de compensar unha perda de plusvalía, e que, incapaz de impedila a nivel das relacións de mercado, a economía dependente reaxe compensándoa no plano da produción interna. O aumento da intensidade do traballo aparece, nesta perspectiva, como un aumento de plusvalía, conseguido a través dunha maior explotación do traballador/ra e non do incremento da súa capacidade produtiva. O mesmo pódese dicir do alongamento da xornada de traballo, é dicir, do medre da plusvalía absoluta na súa forma clásica (...). Cómpre sinalar, finalmente, un terceiro procedemento, que consiste en reducir o consumo do obreiro para alén do límite normal (...) implicando así un modo específico de aumentar o tempo de traballo excedente”.

Así como Gramsci fixo unha contribución teórica esencial para analizar as sociedades occidentais. A Teoría da Dependencia é unha ferramenta imprescindíbel para entendermos en toda a súa amplitude as consecuencias dos procesos de colonización, do papel subalterno na cadea de valor no económico, mais tamén no cultural e lingüístico, e mesmo na interpretación histórica, respecto da periferia. A Teoría da Dependencia amosa con toda claridade a estreita ligazón que existe entre clase social e soberanía nacional, deslexitimando caracterizacións incorrectas ou interesadas da realidade nas nacións dependentes.


Galiza e a teoría da dependencia

Te puede interesar