Ryszard Kapuścińsky finalizaba as palabras introdutorias do seu relato Ébano (1998) manifestando que o continente africano é demasiado grande para poder ser descrito, é “um verdadeiro oceano, un planeta independente, un cosmos variado e rico” para concluír, consecuentemente, que só é por simplicidade e comodidade que falamos de África, dado que, de feito, “essa África não existe sequer, a não ser como conceito geográfico”.
Lidas esas consideracións cómpre preguntarse que é o que sabemos realmente de África e dos africanos, así como se nos interesa coñecer, de veras, os motivos polo que moitos dos habitantes dese inmenso territorio tentan fuxir del.
O venres porduciuse un novo intento de pasar de Marrocos a Melilla por parte de varios centos de persoas ás que, eufemísticamente, se denominan subsaharianas. Case cento e medio delas conseguiron o seu obxectivo, mais, cando menos 18 –son as que recoñece Marrocos, aínda que algunha ONG fala de 3– faleceron en territorio marroquí, ás que hai que engadir ducias de feridos nos dous lados da fronteira, algúns deles membros das forzas de seguridade dos dous estados. Nese elevado número de mortos e feridos parece ser que tivo bastante que ver –iso din algunhas ONG– a violencia coa que se empregaron as forzas de seguridade.
Sexa como for, os números de mortos e feridos están aí, algo que semella non lle dar nin frío nin calor a este goberno autodenominado de progreso. Semellan felices cualificándose así. Tanto Pedro Sánchez como José Manuel Albares felicitáronse do ben que se resolveu a situación, esa que, non acabo de ver por que, hai quen denomina asalto. Segundo os dicionarios un asalto é un ataque contra unha guarnición ou lugar para entrar nel e conquistalo ou ben un ataque contra unha persoa ou entrada nunha propiedade con intención de roubar, cousas ambas, que, entendo, non estaban na mente dos que este pasado día intentaron pasar ao outro lado do valado metálico que separa Melilla de Marrocos.
Falar da extraordinaria cooperación das forzas marroquís, de defensas da soberanía, de mafias que trafican con seres humanos... soa a querer afortalar a decisión de deixar tirado o pobo saharaui en mans alauitas e a mirar para outro lado, ata o próximo intento de paso. Porque como reconoceu o ministro de Exteriores mentres a fronteira entre Europa e África siga sendo tan sumamente desigual seguiremos vendo xentes desesperadas en lexítima procura dunha vida mellor.
Dado que os participantes no intento de salto da valla melillense eran sudaneses vou voltar ao Ébano de Kapuścińsky, concretamente ao episodio onde relata a súa visita ao campo de refuxiados de Itang, un lugar do oeste de Etiopía, perto da fronteira co Sudán. Era o verán de 1991e o que alí viu eran “imensos e trágicos campos de morte”, por inaccesibles, practicamente descoñecidos. Eran froito da guerra vivida no Sudán, “a guerra mais longa e de maior dimensão na história de África e, neste momento, provavelmente a de maior dimensão do mundo mas, como é travada nun dos lugares mais remotos do globo e não ameaça directamente a Europa e a América, não desperta grande interese”. Que soubemos nós dese conflito? Que sabemos? Os sudaneses de Melilla por que marcharon da súa terra? Se foi polas guerras teñen menos dereitos que os ucraínos? Amáñase a migración incrementando, de xeito moi obsceno, as partidas de gasto militar? E coa OTAN?