Festa no Burgo

Esta pasada semana, os residentes no Burgo de Culleredo puidemos gozar, sofrer, desfrutar, padecer... segundo o estado de ánimo de cadaquén, das festas do Apóstolo. Xente houbo, moita, algúns días excesiva. Atraccións variadas, para xente miúda e para grandes, tamén. Postos de venda dos diferentes produtos típicos deste tipo de eventos (artesanías, roupa, comestibles e bebestibles...), outro tanto. E, como non, moita música para bailar e/ou escoitar. Nada menos que sete días de verbenas e sesións vermús amenizadas por nove formacións diferentes: París de Noia, Ritmo Joven, Trébol, Lora, dúo Estrellas, Cinema, dúo D´Vicio, La Misión, Los Satélites e El Combo Dominicano. Un bo elenco, aínda que debo dicir que botei en falta a Panorama, a orquestra galega dos últimos anos das miñas preferencias. Fun todas as noites e aínda lle metín unhas cantas pezas. Xa que logo, resulta evidente que son do grupo de veciños que o pasou ben, se ben entendo o malestar dalgunhas persoas polas molestias que este tipo de aglomeracións adoitan ocasionar: barullo, lugares abarratados, problemas de circulación e estacionamento... Sete días a desgusto pódense facer longos de máis.


É a segunda ocasión que me tocou vivir na súa totalidade estas festas, pois os dous anos anteriores houbo que suspendalas polos problemas víricos. Mais xa tiña estado nelas unhas cantas veces. A primeira en 1965, hai nada menos que 50 anos. Era Ano Santo compostelano e, se cadra por ese motivo, se fixo coincidir coa data do 25 de xullo a celebración do “Gran Premio Internacional Ciudad de la Coruña” de atletismo. Era a novena edición e penso que foi a única que tivo lugar nesas datas: 24 e 25 de xullo.


Ademais dunha serie de probas para homes e mulleres con marcas relevantes de ámbiro europeo -moitos records españois- ou mundial ese ano houbera unha proba de 3.000 metros de categoría xuvenil e outra de 1.000 para infantís, ambas masculinas.


Nas pistas, aínda de cinza, dun estadio de Riazor cheo de xente -máis de 5.000 persoas- déronse cita atletas como Paul Drayton -medalla de ouro en 4×100, co equipo USA, e de prata en 200 en Tokio 1964-; Melvin Pender -sexto nos 100 metros desa olimpiada-; o tamén norteamericano Randolph; os españois olímpicos en Tokio: Francisco Aritmendi; Fernando Aguilar; Luís Mª Garriga ou o moitas veces campión de España Tomás Barris, gloria do semifondo español, a quen lle chegara a hora da retirada e, non obstante, correu un 1.500 no que quedou en segunda posición, derrotando, entre outros a Álvarez Salgado -terceiro- ou ao noso paisano Manolo Porta -quinto.


Paul Drayton foi o gañador do Gran Premio -unha torre de Hércules de prata-, galardón que se outorgaba polo sistema de puntos da táboa sueca. Luisa María García Penafoi quen se impuxo na categoría feminina.


Eu tiven o pracer e a sorte de ser convidado a correr os 1.000 metros infantís, na compaña de sete dos rapaces que tiñan as mellores marcas galegas. Tiven un mal día e quedei sétimo, aínda que fixen a mellor marca da miña vida nesa distancia.


Como estabamos aloxados na Universidade Laboral, en Culleredo, o día 25, ceamos ao volver do estadio e un grupiño decidimos ir botar uns bailes á festa do Burgo. Unha grata experiencia, pois aínda non tiña 15 anos.

 

Festa no Burgo

Te puede interesar