Ferrol, o cambio prometido

Dende os partidos sistémicos, nas súas dúas versións, dereita “moderada” e esquerda “progresista”,  con responsabilidades de governo no país galego e no Estado español respectivamente, están a destacar o cambio do ciclo económico en Ferrol-terra, que pasaría dun recuar constante nas últimas décadas, a investimentos millonarios na produción de enerxía verde e industrias claves. Este futuro tan optimista sería empurrado polas transformacións no modelo enerxético, o maior gasto en defensa, e grazas ao apoio dos fundos Next Generation da UE.


Como estes cambios non se fan en días, e a crise vai a máis, bótanse as culpas entre eles polas demoras, porque os proxectos non avancen máis rápido e non sexa aínda realidade a colocación da primeira pedra... Ten lóxica a desconfianza da povoación, porque dende os anos 70 os sucesivos procesos de reconversión na bisbarra foron acompañados por grandes proxectos de reindustrialización que nunca se levaron a cabo. Axudou nesta evolución regresiva unha política estreita, dependente, abandonando as responsabilidades de governo, centrada exclusivamente na xestión e deixando toda a iniciativa ao capital privado, mesmo exterior.


Non se pode obviar que a tendencia dominante na nación galega foi regresiva, sendo unha expresión moi evidente o retroceso demográfico, por exemplo en comparación co Estado español. Este recuar deuse moi especialmente nas áreas rurais, como noutros países, mais isto non sucedeu nas cidades, tanto a nivel internacional como na Galiza, que foron receptoras da emigración, agás en situacións moi concretas, como é no caso de Ferrol que perdeu boa parte da súa povoación, pasando dos 87 mil habitantes en 1970 aos 64 mil actuais.


Afirmase que Ferrolterra cambia de ciclo económico, que se revitaliza a construción naval e eólica mariña, unha fábrica de pneumáticos, outras de hidroxeno, metanol e amoníaco verdes.... Moita produción primaria que debería ser completada con industria transformadora, para optimizar o valor engadido e o emprego... Non se pode negar que sería un paso adiante. Agora ben: tamén inclúe un dique maior e unha modernización de Navantia?... cando comezan as obras do resto dos proxectos anunciados ou dependen da vontade dos círculos de poder?... A protección do ecosistema axuda á substitución enerxética e o conflito entre potencias dá pulo á construción naval militar. Ou sexa, trátase dun camiño con avances e hipotecas, que necesita unha ampla reflexión e consenso previo, máxime cando forma parte dun único paquete. 

Ferrol, o cambio prometido

Te puede interesar