Falamos ou calamos?

O falar non ten cancelas” é un refrán popular que evidencia claramente que hai quen fala por falar, para non dicir nada, para enganar ou por non calar, incluso sabendo que “en boca pechada non entran moscas” e lembrando o dito da avoa, “garda o pico e terás paz”. Tamén é un sinal de liberdade de expresión, de que se pode falar e calar ao mesmo tempo, segundo conveña.


Os paisanos saben (sabemos) moito disto, pero os que son verdadeiramente expertos son os que andan na política e, máis aínda, aqueles que andan na gobernanza ou nos arredores da mesma. Se falan, porque falan e se calan, porque calan. En calquera circunstancia e ocasión, hai razón para a discrepancia. Uns móstrana lareteando e outros calando, pensando e reflexionando, poñéndolle ao mal tempo boa cara.


A sabedoría popular é a que máis pode falar e pode ensinarlles aos que teñan interese por aprender e saber como deben proceder para enderezar o rumbo, se é que o perderon. Quen sabe a onde van?, A onde queren chegar? Sería conveniente establecer mecanismos de comunicación directos coa cidadanía, escoitala e coñecer os seus pareceres para avanzar no achegamento necesario, nese feito que, actualmente, poida que sexa autenticamente revolucionario.


A sabedoría popular ampárase no coñecemento, nas crenzas, conviccións e principios. Con tódolos seus antecedentes, vén das xeracións pasadas, da experiencia, da observación directa e dos costumes, co aval, en moitos dos casos, da evidencia científica. Os políticos, de aquí e de acolá, deberían estar atentos ao falar do pobo, dos homes e das mulleres do mar e do interior, do pobo enteiro, que tamén fala cando cala.


Onde estarán os que mandan? Quen son? Ao parecer, os de sempre e tan equivocados como sempre. Pero aí estamos agardando, como di a Tía Manuela, “albiscando un cambio que non chega”. Aínda que non lles guste aos de sempre, as alternativas, segundo o científico Antonio Turiel, teñen que ser de carácter social e “todas elas pasan polo decrecemento e a redistribución”. Xa ven, cómpre, primeiramente, un cambio cultural de orde mundial que permita avanzar nesta dirección, pensando que o mundo pode e debe ser mellor para todos os que falan e os que calan.

 

Falamos ou calamos?

Te puede interesar