Esmagando aos de sempre

Hai uns días asumiu a presidencia da Arxentina Javier Milei, un “anarco-capitalista”, ou sexa: un neoliberal radical. Todo indica que governar non lle vai ser doado, non só pola crise na que está mergullado o país, dende hai unha década, senón porque o Congreso está moi fracturado e a oposición dos sindicatos e da esquerda é total. O apoio electoral a Milei ten moito de voto de cabreo contra o peronismo, e unhas políticas que non foron quen de reverter as desfeitas de Macri cando este hipotecou o futuro da Arxentina pedindo un préstamo ao FMI, impoñendo políticas neoliberais, que se fixeron impagábeis. Hai polo tanto un sector da povoación que lle vai dar un tempo de confianza. Canto?...


Resulta evidente que Milei dramatiza e esaxera a situación económica presentando o barco como afundido, para xustificar as duras medidas que tomou.  Haberá máis. As xa anunciadas son a devaluación do peso, paralizar as obras públicas e as subvencións (como ao transporte) que procuran compensar a depreciación salarial e das pensións, mantendo algunhas a colectivos moi carentes de recursos. Todo axuste, mesmo sendo moi duro e favorábel ao capital, ten que contar cunha cara boa, a excepción para o discurso.


As primeiras medidas foron vistas con satisfacción polo capital, cun aumento o primeiro dia do 6% na Bolsa, deixando en evidencia que sectores esperan obter beneficios. A lectura máis amarga é lóxico que a fagan os sindicatos e as provincias, os primeiros pola eliminación dos subsidios ao transporte, o aumento dos prezos da alimentación e outros bens esenciais (eliminouse o límite fixado polo Governo),... ou sexa, unha forte caída do valor dos salarios reais, e das xubilacións. A paralización da obra pública, para reducir gasto, e o descoñecemento sobre o valor das transferencias de recursos ás provinciais, que son fundamentais, xa que o Estado é quen recolle a maior parte dos impostos, implican no inmediato milleiros de despedimentos.
Con este primeiro axuste Milei espera aforrar un 5% do gasto, para pagar a débeda. O FMI seica está contento. A cuestión é que a caída dos ingresos e do emprego nas “clases medias” implica un retroceso do consumo (estimase que a pobreza pode atinxir un 60% da povoación). Un circulo vicioso que seica se espera solucionar coas exportacións e dolarizando. Experiencias deste tipo xa houbo varias no país e en América Latina, incluíndo a privatización da empresa pública; todas terminaron aumentando a dependencia, unha economía volátil, a precariedade no emprego, e sobre todo dando pulo á lei da selva.

Esmagando aos de sempre

Te puede interesar