Os encargos que nos deixou Vicente (In Memoriam)

Cústame traballo escribir esta nota dedicada a un amigo tan especial como era Vicente, mais a amizade obriga. O seu pasamento deixounos sen azos, boto en falta a súa  presencia das citas semanais de diálogo, reflexións e sobre todo sempre as súas propostas liberadoras que nos presentaba.


Aínda que non lle gustaba figurar ou aparentar, resumo estes datos da súa vida. Vicente Couce Ferreira, fillo de Vicente e  Amalia, foi cura de Santa Mariña do Vilar con Pepe Chao, transmitiunos a encomenda que lle deixou seu pai o día que recibira “ordenación de cura”: “Agora -díxolle- es cura, pero recorda sempre que antes de cura es da crase traballadora”. Sufriu a represión franquista no cárcere concordatario de Zamora, alí aprendeu por correo o curso de electricista. En abril do 1979, nos primeiros Concellos democráticos saíu elixido concelleiro por EU, como independente.  Aos cinco meses deixa a parroquia e a política do Concello, e marcha para Nicaragua como cooperante, “non durmía até que o decidín xa dunha vez...Vexo que neste momento son moito máis necesario en Nicaragua, sen comparación”. Non ía de guerrilleiro, senón como cura ou do que faga falla, axudar feridos, dar escola ou na construción. Xa co Frente Sandinista no poder, desde alí escribiu  arreo cartas que chegaban para comprometernos na solidariedade con aquel pobo, cuxa memoria quedou constancia en Ferrol coa rúa Masaia en Caranza.  Mais a finalidade deste artigo non é facer memoria de seu, senón presentar os encargos que el nos deixou. Nos derradeiros encontros esgotando ao límite o alento que lle aportaba a fonte escasa do seus pulmóns, ía coñecendo os trámites do Concello no proxecto do Monumento ás vítimas do franquismo. “Non te esforces, Vicente, que aínda has velo”, dicíalle Sabela, a súa compañeira, dándolle esperanza ao mesmo tempo.  Se sempre tivo dementes de ver levantado o monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, por desgraza non puido ser. Desde había anos que con moitas reunións esperanzadoras e case sempre fracasadas, con chamadas insistentes aos partidos políticos, aos historiadores, investigadores da Memoria Histórica; primeiro para elixir o lugar entre o Martelo,  San Felipe, Canido; lugares testemuñais de moitos  asasinatos, coa elección definitiva de Canido. O tempo que pasaba e por fin chegamos á asemblea no Galicia de Caranza onde Vicente dixo: “Temos que acabar con este desleixo e desidia e esixirlle ao Concello esa reparación de tal inxustiza para tantas vítimas (más de 900) de Ferrolterra que deron a súa vida pola defensa da República e da democracia”. De aquí saíu a Comisión Pro Memorial das Vítimas do franquismo


O día que este Monumento se inaugure,  polo que Vicente tanto devecía, o seu espírito e a súa memoria estarán presentes. Cumpriremos así este primeiro encargo.  Outro encargo que nos deixou foi que a xerarquía da Igrexa actual de España pida perdón por ter colaborado nestes crimes franquistas, coa política da ditadura e o nacional catolicismo. Se o Estado chegou á Lei da Memoria Democrática, a Igrexa ten que deixar a nostalxia de Franco, e rexenerarse coa mensaxe evanxélica de Xesús de Nazaret, coa paz e a concordia.  E seguen os encargos que el esperaba ver, como son a unión da esquerda, como proba de ter esperanza na dignificación das clases baixas, postos de traballo na nosa terra, garantía de apoio da  sanidade pública, do ensino público, e o apoio ás persoas máis desfavorecidas. Neste ambiente esperanzado puidemos compartir con el a satisfacción da recuperación da esquerda en América Latina de Lula en Brasil e Petro en Colombia.  


Hai un proxecto de facermos un memorial de Vicente. Non se trata de facer unha homenaxe que el rexeitaba, mais un encontro en Santa Mariña coa xente que quere agradecerlle a súa labor coa  xuventude nas campañas de acampadas e na  cultura da parroquia. Esperamos que haxa xente que queirades participar pois que se poña en contacto connosco. Contamos contigo. 

Os encargos que nos deixou Vicente (In Memoriam)

Te puede interesar