Dez de marzo, xustiza social e paz

Este ano o dez de marzo ten unha significación especial, porque se cumpre medio século dunha xornada marcada tanto pola combatividade da clase traballadora galega como pola solidariedade. Esta amosouse nos días seguintes tanto na comarca de Ferrol como en Vigo, A Coruña e Compostela. Foron feitos nos que CCOO e o PCE tivo un papel importante, aínda que houbese xentes doutras correntes que participaron dos feitos. Mais tamén esta folga, así como a de setembro en Vigo, marcaron o inicio dun cambio de protagonismos, nos que o nacionalismo galego de esquerda tomaba a iniciativa, no eido estudantil, laboral, labrego, cultural...


Malia a dura represión, nas folgas xerais de Ferrol e Vigo, uns dous anos despois a loita sindical collía pulo, non só cos paros nas empresas, senón tamén nos convenios de sector. Un auxe da loita sindical que recibiu un golpe moi forte cos Pactos de Moncloa asinados a finais de 1977, que implicaron para o movemento obreiro perdas nos salarios e sobre todo o papel central que tiña na loita a prol da democracia e a xustiza social. Abriuse unha fenda entre dúas visións da realidade, vixentes aínda hoxe, diferenciadas na folla de ruta, nos métodos de traballo, e no obxectivo político-sindical.


Este dez de marzo está marcado pola crise do modelo económico e social, o crecemento da desigualdade, o desemprego e precariedade, o aumento da confrontación entre potencias, o esgotamento recursos básicos, a desfeita da natureza, e a enorme concentración e centralización da riqueza e do poder. A pandemia primeiro e agora a invasión da Ucraína por Rusia, ou sexa a saúde da humanidade, a guerra e perda de vidas e a destrución, (antes as 14.000 mortes no Dombás, Iemen, Siria, etc) son consecuencias do fracaso da globalización neoliberal, da constante expansión, da forza como recurso normal, da dobre vara de medir.


Todo indica que non haberá gañadores, que tanto as invasións como as sancións son recursos esgotados, porque ao final todos/as terminan prexudicados nunha economía tan globalizada e neoliberal (privatizada). O aumento do prezo da enerxía e materias primas afecta mesmo a aqueles que alentan o conflito dende a tribuna, como USA e a UE, dando azos á inflación e reducindo as expectativas de crecemento, e polo tanto dando azos a perda de emprego. Mentres os peches de empresas non cesan, como o de Vestas e Alu Ibérica. Moitas contradicións, máxime con tantas armas nucleares polo medio. A opción de dividir o mundo en bloques é moi perigosa (se cadra imposíbel). A única saída é a negociación, igual vara de medir, a paz.

Dez de marzo, xustiza social e paz

Te puede interesar