Dez de marzo, lembranza e reivindicación

O dez de marzo de 1972 Ferrol tinguiuse de sangue coa represión da ditadura. Dous operarios de Bazán, Amador e Daniel foron asasinados, e moitos outros feridos, despois dunha dura represión policial contra unha manifestación pacifica polo peche patronal da empresa. A resposta obreira alongouse axiña a Vigo, Coruña e Compostela; foron á folga obreiros da industria e a construción, e tamén estudantes. Houbo dignidade e solidariedade a esgalla, contra unha represión que se estendeu a unha boa parte da clase obreira da comarca e durou anos. Cando traballei como electricista un ano despois, na Bazan e logo en Astano, na construción do barco “Paloma del Mar” e do “Butron” respectivamente, o control policial no estaleiro de Ferrol e na cidade era moi grande, aínda así facíanse reunións clandestinas do movemento obreiro, e participei nalgunha delas.


En primeiro plano destas mobilizacións da clase traballadora estaba a mellora das condicións de vida, porén tamén conquistar a democracia e os dereitos nacionais de Galiza. Por todo isto, non só polos feitos tráxicos, o dez de marzo converteuse no Día da Clase Obreira Galega.


As protestas dos operarios de Bazan tiveron a súa orixe na reivindicación dun convenio provincial, xa que estaban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reclamación que, na práctica, politicamente, coincidía coas consignas das inquedanzas soberanistas que agromaban na mocidade (como amosaba non só o nacemento da UPG senón tamén as razóns para a ruptura, cando menos dun sector, de Organización Obreira con CCOO en Vigo).


Naquela altura o PCE era hexemónico en CC.OO, na que tamén estaban integrados/as activistas anarquistas e nacionalistas, como era o caso de Galicia Socialista en Vigo. A postura diante dos Pactos da Moncloa de finais de 1977, así como diante da reconversión do naval 1983-1984, abrirían un gran espazo as forzas sindicais que ligaban a cuestión de clase e nacional galega, como foi que a  ING-INTG convocase, despois da República, a primeira folga nacional galega, en febreiro de 1984.


O movemento obreiro está hoxe máis unha vez diante dun profundo proceso de reconversión que esixe de respostas contundentes e concretas. De solucións ligadas aos cambios sistémicos que están acontecendo, para que Galiza non perda a oportunidade histórica de dar pasos adiante na xustiza social, na igualdade, na democracia popular, na defensa do ecosistema,... porén tamén da valoración da historia, cultura e lingua propia, ou sexa: da nosa identidade colectiva, da soberanía. 

Dez de marzo, lembranza e reivindicación

Te puede interesar