Denominacións

Sorprendeume a noticia de axencia aparecida, esta semana que se foi, nas páxinas do noso Diario na que se fala do rechazo de Vox Melilla ao cambio do nome dunha das bandeira dun dos tercios da Lexión en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Denominala “España” en substitución de “comandante Franco”. O que me sorprendeu non foi, obviamente, o feito de que Vox manifestase o seu desacordo coa eliminación do nome do ditador Franco -quen tivo que ser comandante antes de chegar a xeneral, sen deixar de ser el mesmo, como é natural- senón polo feito de que a resolución pola que se levou a efecto esa mudanza de nome se publicou no Boletín Oficial de Defensa hai dous meses, momento no que xa se manifestaran disconformidades con ela.  Como dicir abertamente que Franco foi un gran tipo -que é o que consideran, contrariamente ao que pensamos unha grande maioría- non o poden utilizar como argumento porque contradí clarisimamente o texto da lei, buscan o subterfuxio, para ver se cola, de que o nome da bandeira lexionaria fai referencia ao comandante que a mandou hai cen anos e non a quen mandou en España case catro décadas. Como se fosen persoas diferentes, como querían ser os heterónimos pessoanos. Mesmo así, aínda que non sexa tan evidente, sería unha xustificación contraria ao artigo 35 da lei de Memoria Democrática no seo das Forzas Armadas, que fai referencia a persoas que participaron na sublevación, na ditadura, no sistema represivo... e Franco, xeneral ou comandante -que era o mesmo-, é obvio que formou parte de todo iso, que non convén honrar nin esquecer.
 

Os representantes de Vox Melilla, manifestaron tamén o seu desacordo con que, na que califican de “medida antihistórica y antipatriota”, se lle dea o nome de “Bandera España” á que era “Comandante Franco”, preguntándose, retoricamente, “¿es que las otras banderas no son España? E a conto desta interrogante, vénme á cabeza a cantidade de veces que me teño feito a pregunta de por que en España hai tantas prazas que levan o nome do Estado. Se consideramos que son españolas todas as prazas que existen no territorio estatal a que vén que en toda poboación cun minimo de entidade atopemos unha praza de España? Aínda que non tanto como tería gustado, teño andado bastante polo mundo e non lembro terme atopado unha praza ou rúa denominada co nome do propio país en ningún deles agás en España. Fenómeno ao que hai que engadir as que levan o nome da comunidade autónoma -nación, país ou rexión- nos seus propios ámbitos territoriais: prazas de Galicia -na Coruña, Ferrol, Santiago...-, de Catalunya -en Barcelona, Sabadell, Girona...-, de Euskadi -en Bilbao, Zumárraga, Donostia...-, Principado de Asturias -en Laviana, Pola de Lena...-, etc., etc.
 

Non recordo ter visto USA Square en Nova Iorque, nin Place de la France en Paris, nin Piazza d’Italia en Roma, nin England ou United Kingdom Square en Londres, Praça de Portugal en Lisboa, nin Plaza de Cuba na Habana...
 

Ocúrreseslles o por que desta peculiaridade española? 

Denominacións

Te puede interesar