É certo que o actual goberno municipal comezou o seu mandato cunha proposta moi interesante arredor da figura de Gonzalo Torrente Ballester. Agora, a novidade está na recuperación dos premios Carvalho Calero. Pero a xestión municipal esixe moito máis. Unha das cousas que quedaron listas do mandato anterior é o Plan Estratéxico de Cultura. Dicíase entón que se “avogaba por unha política cultural baseada en tres piares metodolóxicos: participación cidadá, planificación estratéxica e transversalidade”. Ferrol foi a primeira cidade galega en presentar unha proposta neste senso. No mundo cultural ferrolán fálase moito de ordenar e racionalizar. É certo que coa cantidade de ofertas que hai neste ámbito, con deixar facer ás diversas entidades culturais, o Concello podería dicir que xa ten xestión. Mais hai que dar un salto cualitativo que precisa de planificación e consensos. Só desde a participación efectiva poderemos integrar a pluralidade de voces ferrolás. Así como dotar de continuidade á acción cultural municipal alén dos ciclos políticos locais. Tras todo este tempo “madurando”, igual estaría ben implementar e aproveitar as sinerxías que pretendía o Plan Estratéxico de Cultura.