Costa abaixo e sen freo

Oinforme deste mes do Banco Mundial indica ca economía “vai camiño de rexistrar o peor desempeño das últimas tres décadas”. Os datos así o amosan. A evolución do PIB real da economía mundial pasou dun aumento do 6,2% en 2021 ao 3% en 2022, e o 2,6% en 2023, e cunha previsión do 2,4% en 2024 e do 2,7% en 2025; ou sexa: está estancada e cunha taxa de crecemento moi baixa. Agora ben, o desenvolvemento non foi igual estes anos para todos os países, e todo reflicte que non o será tampouco no futuro inmediato, salientando a zona euro, Estados Unidos e Xapón, como as economías con menos empuxe. As previsións de medre do PIB destes países, definidas como “economías avanzadas”, sería dun crecemento do 1,2% en 2024 e do 1,6% en 2025.


Mentres que en China, da que se afirma nos medios que ten moitos problemas, o PIB medraría no 4,5% e 4,3% respectivamente en 2024 e 2025. Aínda máis crecerá o da India, o 5,6% e 5,9%.


Agora ben esta última ten un punto de partida máis baixo e neste intre está considerada como a substitución ideal para procesos produtivos que as multinacionais de Estados Unidos e a Unión Europea queren desprazar de China, co obxectivo de impedir que se consolide un mundo multipolar. Ademais destes países o informe destaca o crecemento do PIB no 2024-2025 en Indonesia e Bangladesh, xa que superarían o 4%.


En resumo, os peores datos rexionais son os das “economías avanzadas”, e moi especialmente a zona euro. O retroceso do Produto Interior Bruto en Alemaña, así como o aumento da protesta social e laboral nese país, por exemplo a do sector agrícola, deixan en evidencia que se está a seguir un camiño na Unión Europea no que as principais vítimas son as clases populares. Uns custes que se trasladaran máis unha vez aos territorios cun papel periférico, comezando por aqueles que forman parte da Unión Europea.


En gran medida o fracaso da globalización neoliberal ten unha relación directa co apoio militar na guerra da Ucraína e os milleiros de sancións impostas a empresas e produtos rusos, que era o primeiro subministrador de enerxía á UE, e moi especialmente a Alemaña. Ao que se lle suma a non intervención na masacre contra os palestinos/as, e o ataque por USA das bases hutíes no Iemen (que pretendía condicionar o comercio israelí que utiliza esta vía).


Se engadimos a conflitividade militar en boa parte de África, todo indica que o bloque occidental neste intre non pon por diante o dialogo para saír desta crise na que se atopa o capitalismo, máis tampouco avanza nos seus obxectivos.


Forzará ao cambio de sistema como a única solución?.

 

Costa abaixo e sen freo

Te puede interesar