A Construtora Naval e a primeira folga xeral galega

Durante a Segunda República, en maio de 1932, hai noventa anos, despois de moitas actitudes confusas, o Governo de Manuel Azaña acordou o despedimento dunha parte dos obreiros na Construtora Naval de Ferrol por falta de carga de traballo. Os operarios pedían que se construíuse cando menos un barco, para dar unha saída transitoria e evitar os ceses, confiando en que se superaría a crise. O cadro do estaleiro era daquela de 4.000 persoas.

O 1 de maio fíxose un mitin no teatro Jofre, que se encheu unha hora antes de comezar. Nesta xuntanza acordouse esixir ao Governo de que se construíra un barco. O día 18 produciuse o primeiro despedimento, a contestación das organizacións obreiras, entidades empresariais, Circulo Mercantil e outras sociedades, será contundente, xa que se consideran enganados polos ministros e outros altos cargos do Governo. Ese mesmo día dimitían todos os concelleiros do municipio de Ferrol (13 republicanos radicais, 13 socialistas e 7 monárquicos), que estaba presidido por Jaime Quintanilla (que fora director da revista Celtiga). Os sindicatos comezaron unha folga no estaleiro e polo serán facían unha manifestación; da Coruña chegaba unha sección de gardas de asalto.

O 20 de maio, coa folga estendida a toda a cidade, houbo o primeiro morto, despois dun tiroteo, e intentar un grupo de persoas liberar a un detido. O día 26 nunha reunión na Coruña acordase acoller nas casas dos obreiros da cidade a todos os operarios, nenos e mulleres das familias folguistas da Construtora Naval. Despois de dúas semanas de paro na comarca de Ferrol a falta de recursos chega ao seu grao estremo. Os obreiros viven ao día e atópanse sen cobrar, non poden mercar máis que o preciso para a subsistencia.

O día 7 de xuño comezou a folga xeral en toda Galiza, e o día anterior ás dez da noite declarábase o paro na Coruña. A folga fíxose tamén en Compostela, Betanzos, Ourense, Tui, Vigo e outras povoacións. En Ourense a garda civil clausurou a Casa do Povo desta cidade e en Tui aconteceron graves incidentes. O día 10 de xuño os xornais destacaban o remate dos tres días de paro obreiro, convocado pola CNT, que arrastrou á UGT. Houbo outras folgas xerais no noso país, por exemplo en 1917 e 1934, tamén a de marzo de 1932 por mor da paralización das obras do ferrocarril, porén ningunha tivo o carácter nacional galego e a repercusión deste paro solidario de 1932 cos traballadores/as do Ferrol. É un antecedente ao primeiro paro nacional galego de despois da ditadura, a folga xeral de febreiro de 1984 por motivos moi semellantes.

A Construtora Naval e a primeira folga xeral galega

Te puede interesar