Tan claro como a auga

O pasado fin de semana varios xornais deron a coñecer enquisas sobre as eleccións do Parlamento galego, nas que con algunhas rectificacións, debido a un recuar da representación do PP, este partido tería garantida a maioría. Con seguridade haberá máis enquisas. Nun mes poden suceder moitas cousas, máxime nunha conxuntura como a actual (que repercusión terá algo tan grave como os pélets). Estas enquisas confirman o actual escenario político, ateigado de incertezas: crise do sistema tanto no estrutural como no ecolóxico; confrontación entre o imperialismo unipolar posterior á caída da Unión Soviética e as potencias emerxentes, no terreo económico, tecnolóxico, militar e do relato en todas as súas vertentes, cun avance destas últimas.


Porén, os temas que máis van estar presentes (ou debería ser así) son aqueles referidos ao papel que Galiza vai cumprir na enerxía alternativa (só imos ter unha actividade primaria?). No industrial, dende a Xunta cando se pediron as axudas Next Generation da UE déronse a coñecer proxectos  que seica ían servir de locomotora na industrialización (que foi deles? Tratábase de pura propaganda para saír da conxuntura sen perder moitas plumas?). Hai outros temas relevantes pendentes: as conexións internas e externas, tanto ferroviarias como por autoestrada, xa que pasan anos para que se completen ou nunca deixan de ser proxectos. Eivas ás que se poden engadir o déficit de persoal sanitario; e o saldo negativo no investimento de capital xa que o que sae fóra multiplica varias veces o que entra, deixando en evidencia a dependencia e o papel subalterno na actividade produtiva; os atrancos para atopar o emprego máis cualificado; a precariedade e baixos salarios, e polo tanto unha natalidade regresiva.


Falta un proxecto propio de país e que as forzas que governen exerzan a presión necesaria para que tanto o Governo español como a Unión Europea teñan en conta as nosas necesidades e particularidades. O PP non está a cumprir este papel, abonda con ollar como o capital propio foi perdendo peso na gran e mediana empresa, e a regresión demográfica. Mais non todas autonomías evolucionan deste xeito. Madrid é sen dúbida a gran beneficiada, e seu único mérito é ser a capital do Estado. 


Non semella un plano no que se admita cambios, daquela que todas as competencias exclusivas que se consigan para Galiza son un paso no camiño correcto. A excepción deste orde das cousas son Cataluña e Euskadi, non casualmente governadas por forzas soberanistas. Tan claro como a auga. As eleccións poden cambiar moitas cousas.  

Tan claro como a auga

Te puede interesar