De cotío vexo unha foto enmarcada na que aparezo, na compaña de miña mai, no extremo cedeirés do pretil da vella ponte que, por riba do río das Mestas, unía os concellos de Valdoviño e Cedeira, as parroquias de Vilarrube e Esteiro, os lugares ou aldeas do Puntal e Porto do Cabo- É unha foto tirada por meu pai en xullo de 1952, un par de meses despois do nacemento de meu irmá Santi. Nesa altura, nosa mai acababa de trasladarse de Matamá, no concello ourensán de Laza, para a escola de Porto do Cabo, onde, tendo en conta a dificultade dos desprazamentos e outras circunstancias, había que residir, non quedaba outra, nunhas condicións de nulas comodidades. Mais, como tanta outra xente, aínda en peores situacións, saímos adiante e ata aquí chegamos. Gusto moito desa fotografía, nesa ponte que, despois da construción dunha nova, acabou por afundir.
Ao final da ponte, viaxando desde Ferrol, hai un cruce á dereita que leva a Cerdido -o territorio do concello comeza uns cantos centos de metros de tomada a estrada-, a onde fun o pasado sábado, Día das Letras de 2025. Había anos que non pasaba por esa vía –pola que teño circulado bastante–, sendo as últimas veces para ir ao cemiterio parroquial de San Martiño para visitar a tumba de Severino Trinquete Solloso, na que podemos ver esculpidos símbolos masónicos, acordes coa condición de masón do personaxe.
Alí, ao pé desa tumba marmórea, construída pola sociedade Pila Ancha -fundada na Habana en 1907, por emigrantes de Cerdido-, entre eles Solloso -quen, mesmo, durante uns anos, ostentou a presidencia- iniciáronse os actos cos que o Concello de Cerdido decidiu homenaxear, en data literaria significada, a un dos seus fillos máis ilustres. É de xustiza indicar, que Santiago Rodríguez, cerdidense residente na Coruña, amigo co que adoito compartir cafés matinais, foi peza fundamental para impulsar estes actos.
Foi a figura de S. T. Solloso –como adoitaba asinar os seus poemas, “Saraibas”, en galego e “Guitarreos”, en español– a que motivou o noso coñecemento e, daquela a hoxe, o que acompaña moitas das nosas conversas. Foi el quen, a base de conversas cos dirixentes municipais, logrou que o propietario da prestixiosa libraría Wilson’s -sita na habaneira e buliciosa rúa Obispo- puidese ter unha máis que merecida homenaxe no seu Cerdido natal cen anos pasados da súa morte.
Solloso, entre outras cousas, loitou incansablemente para conseguir o diñeiro necesario para dotar o seu concello de escolas para a formación dos nenos e nenas. Non puido chegar a velas, mais velaí están –moi ben conservadas, por certo– a da Avispeira e a do Castro –hoxe rodeada dunha espléndida área recreativa–, onde tivo lugar a segunda parte dos actos de homenaxe. Sorprendeume moi gratamente ver o número de persoas que estiveron presentes -entre eles algúns familiares do homenaxeado ou o concelleiro portavoz da oposición- nos dous espazos, onde participaron o alcalde, Alberto Rey, a concelleira de cultura, Amalia Díaz, o profesor e poeta José Luís Graña, o citado Santiago Rodríguez e eu mesmo.
Unha tarde para recordar.