Sempre que miro cara á música popular do noso país, tanto ás cantareiras como á restante música de raíz, lévame a Rosalía e os Cantares Gallegos. Dicía ela que tivera o atrevemento de dar a publicar un libro que pretendía recoller, da súa man e oído a beleza dos nosos cantares populares. Isto explica a íntima relación dela coas cantareiras, e esa relación entre música e poesía será uns dos fíos que, tamén, desenvolverán persoas como Luísa Villalta.
Seguramente, na publicación dos “Cantares” Rosalía non foi consciente de que con ela rexurdía a nosa cultura e, amais, foi un feito histórico que unía Galicia coa modernidade da súa época, ao reivindicar a nosa identidade como país. Algo que vai suceder con outras culturas de grandes nacións europeas fronte á uniformidade herdada das vellas guerras napoleónicas.
Mais é certo que a música popular galega, aos que fomos criados en barrios obreiros, chegounos por outras vías. Xunto ao “hard rock”, o que ás veces se oía eran Os Tamara, Ana Kiro, Pucho Boedo e, de xeito especial, Amancio Prada. Se Rosalía é a máis cantada na nosa terra, este último debe ser quen máis traballos musicais ten coa súa poesía. Eles, todos, son cultura viva de Galicia.