Brazaletes

maldita e perseverante pandemia coronavírica veume demostrar algo que xa sabía, aínda que non tivera oportunidade de velo na práctica. Algo para min tan obvio como que nas múltiples ocasións en que saquei un abono dun club deportivo o fixen para ir ver os partidos -todos, a non ser por causas de forza maior- en vivo e en directo. Os partidos televisados son outra cousa, un sucedáneo. Case como o das gulas e as angulas. Nada que ver.

Coñezo, non obstante, non poucos casos de persoas que se fan socias e van aos recintos en contadas ocasións. Din que o fan para a axudar o equipo, mais eu non o podo entender, máxime cando, desde xa hai tempo, os seguidores fieis parecen importarlles moi pouco aos dirixentes das entidades e, menos aínda, aos dos organismos que organizan as competicións. De non ser isto así non hai forma de comprender como se pode xogar unha final dunha competición do fútbol español a uns cantos miles de quilómetros de distancia. Darlle o espectáculo a persoas totalmente alleas aos seguidores dos equipos participantes. E estes que o vexan pola tele. Delirante.

Mais, dado que a celebración dos partidos finais desta competición en Arabia Saudita era un feito, Amnistía Internacional -como xa fixera con anterioridade- solicitou da Federación e dos equipos participantes que visibilizasen dalgún xeito o apoio á loita das mulleres en defensa da igualdade, extensible ao colectivo LGTBI. Con esa finalidade fíxolles chegar brazaletes morados para que os lucisen do xeito que considerasen máis oportuno. O presidente da Federación saiu por peteneras, acusando Amnistía de montar unha campaña mediática antes de ter enviado nada e manifestando que asinaran o contrato coa obrigatoriedade de que as mulleres puidesen entrar nos estadios. Poucas se viron, por certo. Os motivos?

Ángels Barceló considerou que tanto a Federación como os clubes estaban actuando hipocritamente polo que, tanto os equipos participantes como o propio fútbol español se estaban desacreditando con esta competición, apreciación coa que coincido totalmente.

É todo un sensentido, tirar polo chan principios éticos por un puñado de dólares. Luzan os brazaletes, e a ver que pasa.

O mes pasado, sen ir máis lonxe, Lewis Hamilton pilotouno Gran Premio de Arabia Saudita cun casco coas cores do colectivo LGBTIQA+, para visibilizar e reivindicar os seus dereitos.

E se imos máis lonxe, sen saírmos do mundo do fútbol, habería que recordar o acontecido no campo de El Sardinero o 28 de setembro de 1975. Desputábase o partido entre o Racing de Santander e o Elche e Sergio e Aitor Aguirre, xogadores do equipo local, saltaron ao campo cun cordón negro no antebrazo. Como é sabido, na madrugada do día anterior tiveran lugar as cinco últimas execucións da sanguinaria ditadura franquista. A cousa non pasou desapercibida na moi franquista cidade de Santander e boa parte do público comezou a asubiar os seus ousados xogadores. No descanso, no vestiario, os futbolistas foron conminados pola policía a retirar os cordóns, se non querían ir directamente á comisaría. Logo serían sancionados con 100.000 pesetas –unha burrada naquel tempo– cada un. Podían tomar exemplo os futbolistas de hoxe.


Brazaletes

Te puede interesar