lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Brasil nun intre crítico

Para min Brasil foi unha descuberta nos anos setenta. Caeu nas miñas mans o opúsculo “Evangelio y Justicia”  de ZYS, unha editorial semiclandestina na época da nosa ditadura, cuxos autores eran os bispos Helder Cámara e Antonio Fragoso, bispos. Nese tempo Brasil estaba baixo a ditadura militar (1964-1985). Esta ditadura, como toda ditadura, e diso temos nós abonda experiencia, mantíñase grazas á represión por medio das torturas refinadas para o exterminio dos revolucionarios e comunistas. Un dos brancos deste exterminio foi a Orde dos Dominicanos, e coincide o de “branco”, pois cando foi detido o abade prior, todos os freires co hábito dos dominicanos, manifestáronse, naquela famosa manifestación da “batina branca”, diante do Departamento de Ordem Política e Social (DOPS) pedindo a súa liberación, e lograrona; mais a actuación represiva cebouse nun grande número de freires sufrindo a morte, desaparición, e torturas que se pode ver con Frei Tito de Alencar no libro “Un Homen torturado: nos passos de Tito de Alencar”;  e tamén no de Frei Betto, “Batismo de Sangue”, que o lector pode baixalo gratis en PDF en internet. Ao famoso torturador Fleury, delegado da DOPS, a ditadura lle dedicara unha rúa; pois esa mesma rúa na democracia de Lula_Dilma foille restituída polo seu torturado, Tito de Alencar. 
 

No que se diferenciou da nosa ditadura foi na actitude da Igrexa. Se a nosa xerarquía bendiciu o golpe e a guerra civil, a do Brasil, en número considerábel de bispos, condenou con toda valentía os “anos do Chumbo”, que así lle chamaron a esta ditadura. 
 

Se a Helder Cámara lle cerraron as publicacións, as súas palabras traspasaban as fronteiras e aparecían escritas no estranxeiro. A CNBB (Conferencia Nacional de Bispos Brasileiros) denunciou o quebranto dos Dereitos Humanos. Cando lle asasinaron un sacerdote en Recife mallado a paus e aforcado, o bispo Helder di: “somos cen os que figuramos na lista... se fai falla máis mártires, estamos dispostos”. E chegaron ao berro común: “Ditadura nunca máis”. E seguiu a Lei da Amnistía que lles abriu as portas para regresar os políticos do exilio, mais tamén, como pasou aquí na nosa Constitución,  a absolución dos responsábeis dos crimes “nos anos do chumbo”. Lula promete a apertura dos arquivos, que as Forzas Armadas din que xa están destruídos. 
 

Acabaron coa ditadura e conseguiron a democracia no mundo do liberalismo e logo do neoliberalismo no que o que vale é o carto para uns cantos e a pobreza para os moitos, e iso sucedeu en América Latina e sobre todo no Brasil con moitos millóns de pobres e aquí a Teoloxía da Liberación tomou a obriga de botarlle unha man aos revolucionarios e loitadores por un mundo máis xusto. Nesa loita mística e revolucionaria aparecen, ademais dos citados antes, Pedro Casaldáliga, Leonardo Boff, Frei Betto, Xosé Mª Pires, Paulo Evaristo Arns, e moitos outros entre bispos, cregos e laicos: “hai que promover a substitución do capitalismo polo socialismo... Deus non quere que haxa ricos que exploten aos pobres”. 
 

E chegan os gobernos de Lula e de Dilma Rousseff, con palabras de Leonardo Boff, conseguindo “os projetos sociais que tirararam 36 milhôes de pessoas da fome e permitiran construir moradias dignas com os projetos “Minha Casa-Minha Vida “ e “Luz para todos”, “Mundo sem pobreza, Brasil sem miseria”. 
 

“Mais o governo de Bolsonaro -sigue dicindo Boff- desmantelou estes projetos, e o Brasil que havia saido do mapa  da fome, retornou, segundo a FAO, ao mapa da fome”. Quere facer da Amazonía ao seu antollo o negocio do grande capital, e pola súa iñorancia facilitar a destrución do  máis grande pulmón do planeta Terra. O seu comportamento no tocante ao virus do Covid foi letal, supuxo un manifesto subscrito por moitas persoalidades e xente responsábel: “El é negacionista, está en contra de todas as vacinas e favorece a difusión do virus sin mascaras en multitudes. É verdadeiramente un psicópata”. Din que o número de vítimas do Covid foron máis de 700 mil.
 

Esta é a perspectiva de Frei Betto, que estivera con Lula da Silva na traballo de acabar coa fame no Brasil e tamén na súa dimisión posterior por non estar de acordo coa súa política económica. Mais, o día 28 de setembro, di en “Memoria revista de crítica militante” “A nosa esperanza é a elección de Lula. Esperamos que el poida cambiar a situación e desa maneira Brasil poida rescatar a súa precaria democracia actual”.

Brasil nun intre crítico

Te puede interesar