Fuxindo da calor que nos acompañou o pasado sábado, estaba na casa cando escoitei o sinal de entrada dunha mensaxe no meu teléfono móbil. Era do querido e vello amigo Alexandre Ripoll -tantos anos profesor e director do Instituto de Fene-, que me comunicaba a, para min inesperada, morte de Basilio Losada, persoa moi querida á que me uniu unha fonda amizade, máis aló do puramente académico. Respondin á mensaxe co primeiro que me veu á cabeza: “Vaia coño. A boa xente non tiña que morrer”. Sei que ese desiderátum non se pode facer realidade, mais nalgúns casos, como no de Basilio, debería poder facerse. O mes pasado fixera 92 anos, o que non é pouco. Nado, en 1930, na Pobra de San Xiao, no concello de Láncara, pouco antes dos 9 anos chegou a Barcelona coa familia e alí permaneceu toda a vida. Na Universidade de Barcelona licenciouse e doutorouse en Filosofía e Letras e foi profesor, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa desde 1986.
Durante moitos anos, a cultura galega tivo un embaixador e valedor na capital catalana e en toda Cataluña. Ensinouna e difundiuna en diferentes foros e de mil maneiras. Todas as persoas galegas que coñezo, sen excepción, que viviron algún tempo en Barcelona, me teñen falado das actividades de Basilio e sempre ben, cousa que non é común. Feito que, despois de coñecelo e tratalo, non me estrañou o máis mínimo. Era dunha bondade extraordinaria e as ganas de lle facer ben á xente non tiñan límite. Seino ben. Coñecino, persoalmente, a principios dos oitenta, mais xa o coñecía por lecturas desde os meus anos estudiantís e por referencias de algún amigo, como Vicente Araguas, que fora gravar a Barcelona. Basilio, como non, estaba ben ao tanto da actividade de Voces Ceibes e da Nova Canción Galega. Moito teño usado as súas antoloxías, bilingües, Poetas gallegos de posguerra (1971) e Poetas gallegos contemporaneos (1972) ou o capítulo “Literatura gallega”, que escribiu para Los gallegos (1976), coordinado por Gustavo Fabra. No terreo académico debo dicir que sempre que se requeriron os seus servizos para formar parte de tribunais de oposicións ou de teses de doutoramento tivo un comportamento exquisito coas persoas implicadas, o que non é pouca cousa, pois transmite moita tranquilidade ás persoas que se ven neses trances.Mais hai un algo máis que facía de Basilio un ser deliciosamente encantador: as súas conversas. Canto non teño gozado do seu dicir en longas sobremesas, xa estando só, xa acompañado da súa adorada Isi Feuerhake, inseparable compañeira de tantos anos e da que tan namoradísimo estaba. Era un extraordinario e divertido contador de historias, que, probablemente, por falta de tempo, que non de imaxinación, ben se puido ter convertido nun tan bo narrador na escrita como o era na oralidade. Mais a súa única incursión na novelística foi a novela La Peregrina / Una fábula de amor en el Camino de Santiago (1999), que contou cun prólogo de Saramago.
A tristeza da súa desaparición fica en parte mitigada polo alegre recordo da súa simpatía e da súa bonhomía, lembranza agradecida que sempre me acompañará.