As varas de medir

Como é público e notorio, por ter apaecido en diferentes medios de comunicación, un Real Decreto de 27 de xuño, publicado no BOE do pasado 5 de xullo, recoñecíalle, a proposta da ministra de Xustiza, “por carta de naturaleza”, a nacionalidade española a Lorenzo Brown, un xogador de baloncesto norteamericano, sen ningún tipo de vínculo con España coa finalidade de que puidese xogar, como así foi, o Eurobasket celebrado no mes de setembro e que acabaría gañando a selección española. Como sabemos, as nacionalizacións por carta de natureza son as que, discrecionalmente e sen calquera outro requisito, se lle conceden a deportistas para participar en competicións internacionais representando a España. Como non podía ser doutra maneira, por entender que supuña un menosprecio aos xogadores españois, a Asociación de Baloncestistas Profesionais (ABP) fixo público un comunicado no que, penso que con toda a razón, considerou o feito “eticamente reprobable”.


Hai só tres días, nunha das súas páxinas de deportes, o noso Diario, recollía declaracións do presidente da Federación Española de Atletismo nas que manifestaba que o expediente de nacionalización do xove saltador de triple cubano, por parte da World Athletics, se estaba retrasando un pouco, se ben agardaba que antes dun mes estivese resolto. Como os lectores que habitualmente seguen as informacións deportivas saben, en xullo do ano pasado o triplista desertou da selección cubana, que se atopaba en España, e decidiu quedar. Solicitou a nacionalidade que, tamén por carta de natureza, se lle concedeu en febreiro, e este verán xa participou no campionato español de clubs e bateu o record español. Non obstante, non poderá participar como español en competicións fóra de España. A World Athletics, ademais, pide agardar tres anos desde o cambio de nacionalidade para representar ao novo país.


A lectura desta segunda información tróuxome inmediatamente á cabeza o tema das xogadoras internacionais do fútbol feminino. Vaia por diante que, desde hai un tempo, son seguidor dese fútbol e, abofé, que desfruto moito vendo xogar equipos potentes, nomeadamente o Barça. O partido de Champions do 9-0 ao Benfica deste pasado mércores foi unha auténtica delicia. Fútbol de moi alta calidade. Obviamente, xogaron 5 das 6 xogadoras do club catalán -a porteira, Sandra Paños, non puido facelo por lesión- que solicitaron non ser convocadas para a selección.


O acontecido entre os dirixentes federativos e as mellores, sen dúbida, xogadoras da selección non ten nin pés nin cabeza. Unhas xogadoras que solicitaban diálogo para modificar cousas que puidesen levar á selección a conseguir mellores resultados foron inxustamente tratadas, malinterpretadas e, mesmo, ameazadas. Coincido plenamente co dito por Alexia Putellas despois de recoller o Balón de Ouro de que a situación é triste e haberá que resolvela falando. Desde logo, independentemente de gañar ou perder, para poder ver bo fútbol. Vin o partido contra os EEUU e nada que ver co que se podía ver antes. Moito correr e pouco xogar. Un aburrimento.


A xeito de desculpa, a Federación manifestou que unicamente contará con futbolistas comprometidas. Hai que entender que as discrepantes cos métodos non o están? Penso que si, cando menos bastante máis que os ianquis ou cubanos fichados vía exprés. As varas de medir

As varas de medir

Te puede interesar