As incertezas da conxuntura

A percepción que teño eu, así como as persoas da contorna social na que me movo, é que existe  non só unha grande preocupación senón tamén un enorme descontente coas políticas económicas que está a aplicar a UE seica para reverter o medre da inflación. Porén esta valoración do estado de ánimo da xente non se reflicte despois nos medios e nas enquisas que se divulgan, e cando esta se realiza faise respecto do debate partidario en relación coa xestión do governo. Non se teñen en consideración as enquisas que valoran a situación socio-económica, as consecuencias das  medidas tomadas, entre elas as sancións e intervencións exteriores. Esta actitude choca coa tendencia dominante, xa que hoxe está á orde do día é a valoración do estado de animo da sociedade sobre case que todos os temas, mesmo os máis intranscendentes.
 

E como se houbese unha estratexia nos países do “bloque occidental” para recoñecer as dificultades porén ao mesmo tempo poñer paredes á realidade, por temor a que se produza unha contestación social masiva. Ou porque se dea por valido que as medidas adoptadas son as únicas posíbeis, exercendo unha actitude paternalista sobre o debate (ou sexa, de control). Agora ben este xeito de axer diante da realidade, o modo de facelo e as escusas utilizadas son máis que discutíbeis cando se fai unha análise histórica de como se desenvolveron os acontecementos, por exemplo, polos que se chegou á invasión rusa na Ucraína (incumprimento dos acordos de Minsk, cercar a Rusia de bases e armas nucleares...). 
 

Non se pode obviar que os obxectivos que se pretendían coas sancións non foron logrados e, pola contra, volvéronse como un búmerang sobre os países que as impuxeron e afectando á economía da maior parte do mundo. Ademais, non só non axudaron a conseguir a paz senón que están alargando a guerra, e facendo participe da mesma a distintos niveis ao “bloque de occidente” (OTAN/G-7). 
 

En todo caso, a globalización neoliberal está ao servizo do imperialismo e das grandes corporacións agudizando as contradicións entre países e clases sociais, polo incremento da desigualdade e a pobreza. Daquela que cada vez son máis os países que se apuntan ao multilateralismo, ou a non tomar partido, ou facelo en función do tema e do momento. Así o reflicte a ONU que na última votación a condena a Rusia foi apoiada por unha minoría, a diferenza do que pasou en marzo. Non semella polo tanto un contexto que permita dar por pechada a percepción social do conflito, e o estado de ánimo da resposta popular, tampouco no “bloque occidental”.

As incertezas da conxuntura

Te puede interesar