Alxeria e Galiza, para alén do gas

lxeria está de actualidade polo conflito orixinado co Estado español respecto do subministro de gas, por mor do recoñecemento por parte do Governo de Sánchez do Sáhara occidental como parte do territorio marroquí, rachando co do dereito á autodeterminación en concordancia coa postura da ONU. Daquela que algúns medios destacasen que o cinco de xullo celebrouse en Alxer o sesenta aniversario da declaración da independencia cun gran desfile militar.


Esta data lembra o día en que foron confirmados os resultados do referendo, decidido nos acordos de Evian, en marzo de 1962. Francia ocupou Alxer no ano 1830 iniciando a conquista do conxunto do país que converteu nunha colonia. Despois da Segunda Guerra Mundial a descolonización estendeuse por Asia e África, sendo Alxeria un dos países onde comezou o proceso no ano 1956.  Había unha numerosa colonia de ascendencia europea, sobre un 10% da povoación, que participou  da confrontación, en apoio dos 400.000 militares que chegou a despregar Francia. A maioría emigrou-retornou á potencia colonizadora despois dos acordos de Evian. Da transcendencia da loita de liberación alxeriana non hai dúbidas, mais: que incidencia tivo esta revolución no nacionalismo galego que naquel agroma coa creación do Consello da Mocidade aló polo ano 1963? Un Consello do que serían expulsados varios militantes por “filo-comunistas e pro-alxerianos”, como ten relatado Antón Moreda. Resulta evidente que, no nacionalismo galego como en todos os movementos da esquerda da época, foi grande a incidencia das loitas de emancipación nacional do momento. Tal foi o caso da Revolución Cubana; a liberación do povo vietnamita; e moi especialmente, tendo en conta a súa proximidade xeográfica coa península Ibérica, a guerra de emancipación nacional alxeriana (a loita das colonias portuguesas sería posterior). Daquela a lectura case que obrigada entre os militantes do movemento nacional popular galego de libros de Frantz Fanon, como “Os condenados da Terra”, no que se analiza a colonización. Cando Méndez Ferrín estivo en Bos Aires, en agosto de 1968, co gallo dos Xogos Froraes do Idioma Galego, quixo convencer ao Consello de Galiza para que actuase como un Governo no Exilio seguindo o modelo do GPRA alxeriano durante a loita de liberación. Mais a emigración galega xa non era a da Sociedade Pondal e Castelao. Naquel intre eu estaba vivindo na Arxentina e militaba na Irmandade Galega, e nunha reunión con Ferrín confirmei a miña entrada na UPG. Meu retorno sería en 1972 por mor das folgas de Ferrol e Vigo. 

Alxeria e Galiza, para alén do gas

Te puede interesar