Alabí, alabá, alabin bom-bá...

Debo manifestar que escribo contento, desde logo máis que outras veces. Acabo de ver no televisor a vitoria do Racing no Cartago Nova e iso elevoume o estado de ánimo, malia que non o tivese nada baixo, nin moito menos. Non é que os resultados deportivos lle afecten seriamente ao meu modo de estar –adoito ser tranquilo e positivo–, mais confeso que durmo un chisquiño mellor se as cousas saíron ao meu gusto nese terreo. Alégrame que gañen os equipos dos que gusto, mais non son o que se di un forofo. Non me parezo en nada aos acérrimos madridistas de “El chiringuito de jugones”, ese programa que, aínda que non me aporta nada e me parece tendencioso de máis, poño, algunha que outra vez, mentres, por volta da medianoite, tomo unha cea tan lixeira como tardía. Nin que dicir ten que fago vida nocturnal, que logo hai que dixerir o inxerido antes de se deitar a dormir. Momentos bos para ler, escoitar música, escribir algo... E pensar e reflexionar, que é moi bo para as neuronas.


Mais agora, e aquí, cómpre falarmos do noso Racing. É a primeira vez que o fago desde que acabou a temporada pasada, a mellor, sen dúbida, dos últimos anos. Parece claro que armar un equipo non é nada doado. Mesmo tendo os mellores xogadores. Velaí o Real Madrid actual. Ten excelentes futbolistas, pero o equipo, ao meu xuízo, é ramplón. Ten a base e o mesmo adestrador que a pasada temporada, en que o gañou practicamente todo, e segue a ter a inmensa sorte que sempre tivo. Mais nin con esas, hai algo que falla. É obvio que o caso do Racing –sen ter en conta, claro está, o abismo que media entre ambos os clubs– é diferente. 


O ano pasado, con algunha importante incorporación e coa base do equipo do ascenso, Cristóbal Parralo conseguiu formar un conxunto moi harmónico, cunha formación titular case inamovible -é dado a poucos cambios- e cun esquema de xogo que nada, ou moi pouco, variaba, cando as circunstancias aconsellaban ou obrigaban a realizar substitucións. Os que entraban suplían suficientemente ben os sustituídos. 


Conxuntou un once que, ao meu entender, xogaba realmente ben, para o que é a categoría, claro está. Eu, gañase, perdese ou empatase, desfrutaba con aquel xogo. Era o que sempre lle dicía ao vello amigo Julio –destacado atleta que foi–, compañeiro de asento no campo e de viaxes á Malata deste terras coruñesas. Este ano a cousa cambiou. Paréceme que a estas alturas o equipo aínda non está conformado de todo, en boa parte polas inoportunas lesións. Non deu aínda cun equipo titular claro sobre o que facer variacións. Aínda que vin un equipo a medio facer e acabou en empate, gustei do xogo contra o Málaga, o que me fixo pensar nunha continuidade coa temporada anterior. Vino peor contra o Granada, aínda que creo que non mereceu perder, e contra o Deportivo, desde as gradas de Riazor, onde penso que un empate tería sido máis xusto. Logo, desdebuxouse. A escaseza de puntos e a situación na táboa tiñan que pesar como lousas. Así é moi difícil xogar, como se viu o día do Elche. Mais desa volta mudou a fortuna, gañouse e isto albiscaba unha nova etapa, á que vai contribuír, de certo, o triunfo desta tarde. Julio, polo WhatsApp segue a non ver claro o meu optimismo, pero eu si o entendo. Forza Racing, dicimos á vez.

Alabí, alabá, alabin bom-bá...

Te puede interesar