Adeus a Bernar

Aínda que –cando menos para min– teño claro que en determinadas condicións non paga a pena vivir, apenoume ben a morte de Bernardino Graña, con quen, en diferentes lugares, ocasións e circunstancias, teño compartido moitos momentos bos da vida nestes últimos corenta e bastantes anos. Párome a pensar e véxome xantando en diversas casas de comidas da Compostela de finais dos anos 70 –nada que ver coa de hoxe– e tomando café, habitualmente no desaparecido Derby, cando o poeta cangués, catedrático de Lingua e Literatura de Secundaria, deixara un instituto de Tarragona para se trasladar ao de Padrón e residir na rúa do Home Santo santiaguesa. Foi cando o coñecín persoalmente. Daquela, eu, que daba aulas no Colexio Universitario da Coruña e residía en Ferrol, estudaba Filoloxía Galego-Portuguesa e botaba dous días en Santiago facendo vida de estudante, a que tamén facía Bernardino, que era substancialmente maior, aínda que non o parecese. Na mocidade case todo é posible. Como escritor xa o coñecía de antes, primeiro como nome de autor –lembro que W20 mil pesos crime: Peza dramática en cinco cadrosW (1962) foi a primeira obra súa que lle escoitei citar a Carvalho Calero– e logo xa como lector. Os versos de “Profecía do mar” (1966) foron os primeiros que lle lin. “O gato da tasca mariñeira” –que unhas cantas veces lle escoitei recitar ao longo dos anos– entusiasmárame. A Asociación de Escritores en Lingua Galega –da que foi primeiro presidente–, a entrega do Pedrón de Ouro, que lle fixemos na rosaliana Casa da Matanza, o Hospital Modelo, onde o fun visitar cando lle deu o malfadado ictus que lle fastidiou a vida, a súa casa da Zapateira, a residencia Bellavista de Nigrán... Foron algúns dos lugares onde tivemos ocasión de departir amicalmente. A esa residencia de maiores fun da man do benqueridos colegas e amigos Alexandre Ripoll e Sabela, probablemente as persoas que máis coidaron nos últimos anos o amigo común falecido. Ese día, 2 de setembro de 2019, no restaurante onde comemos, está tirada a foto que acompaña estas liñas en recordo agradecido de quen tivo a ben deixarme compartir algúns anacos da súa vida.

Adeus a Bernar

Te puede interesar