25 de abril, sempre

Na última hora do día de onte –24 de abril– cómpre celebrar, malia que todo teña mudado tanto, o cuadraxésimo octavo aniversario do arranque das operacións militares que acabaron por botar abaixo corenta e oito anos de ditadura ininterrumpida en Portugal. Iniciábase o que coñecemos como “Revolução dos Cravos” ou “Revolução de Abril”. Unha revolución case que incruenta, sen tiros, sen sangue. Un exemplo para o mundo.

Faltando 5 minutos para as 11 da noite Paulo Dinis, xornalista dos Emissores Associados de Lisboa -unha emisora de pouca potencia, que non abarcaba máis aló dun radio de 100 km ao redor da capital- emitia a canción “E Despois do Adeus”, o tema con letra de José Niza e música de José Calvário, co que Paulo de Carvalho gañara o Festival da Canção dese ano 1974 e co que fora a Eurovisión representando Portugal: “Quis saber quem sou / O que faço aqui / Quem me abandonou / De quem me esqueci / Perguntei por mim / Quis saber de nós / ...”. Unha música lixeira, sen maior trascendencia, que estaba na onda e non era sospeitosa de nada. Mais era o sinal para que, en certos cuarteis da zona de Lisboa -por iso o alcance da emisora abondaba-, comezasen as operacións para tentar mudar o sistema.

Se todo marchaba segundo o previsto, como así foi, pouco despois da medianoite, ás 12 e 20 horas, emitiuse o segundo sinal, que serviría para informar a todas as unidades de que o golpe tiña comezado con éxito e, xa que logo, chegara o momento de saír dos cuarteis para cumprir as misións asignadas. Carlos Albino, da Radio Renascença -unha emisora potente-, foi o encargado de botar a xirar o “Grândola, Vila Morena”, de José Afonso. Se cadra non está de máis lembrar que o aveirense compuxera a canción a raíz dunha actuación no modesto local social da “Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense”, en maio de 1964. Logo gravaríaa, en 1971, para o LP Cantigas de Maio e interpretaríaa por vez primeira en directo nun recital celebrado en Santiago o 10 de maio de 1972, no que, por certo e por sorte, estiven presente.

Pódese ler por aí que a canción estaba prohibida, o que non é certo. Tanto é así que o Zeca a interpretou na súa actuación no “Coliseu dos Recreios” de Lisboa o 29 de marzo do 74, isto é, unhas semanas antes dos acontecementos de abril.

Otelo Saraiva de Carvalho, que foi que elixiu os temas para os sinais, tería preferido “Traz Outro Amigo Também”, mais, como nas emisoras lle fixeran ver que esa canción si podería levantar sospeitas, acabou por optar polo “Grândola”.

Este é o primeiro 25 de abril que se celebra após a morte de Otelo, acontecida o 25 de xullo do pasado 2021, e por iso entendo que é oportuno insistir en que, malia que, como non podía ser doutra maneira, se tratou dunha operación colectiva, onde houbo algúns significados protagonistas, foi o artilleiro mozambicano o que, en solitario, elaborou o documento de 26 páxinas que denominou “Plano Geral das Operações - Viragem Histórica”. A parte política do golpe foi obra de Vítor Alves e Melo Antunes, mais a militar foi súa. Así o recoñeceu en diferentes ocasións o xeneral Ramalho Eanes, quen diixiu as operacións militares do golpe de Estado, contra o sector da esquerda do Movementos das Forzas Armadas, do 25 de novembro de 1975 e foi presidente da República entre 1976 e 1986. Segundo Ramalho Eanes, quen dirixiu as operacións e inmobilizou e neutralizou a resposta do réxime foi Otelo.


25 de abril, sempre

Te puede interesar