Meritorio o traballo de Luís Lamela quen en Golpistas e represores. Retratos e memoria histórica de falanxistas galegos (Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2025) deseña feitos e vidas “de” que non “dos” certos militantes na FE, antes, durante e despois da guerra civil. A partir basicamente do Archivo General de la Administración, que se atopa en Alcalá de Henares, o que outorga ao traballo de Lamela visos de autenticidade e non os “díxome, díxome” de choios semellantes, na intención, non no resultado.
No ensaio lamelián hai un aquel de rigor, xa que logo, inexistente –por certo– no ensino do franquismo nos plans escolares. Que tantas veces despachan os corenta anos da ditadura como se non tivesen existido (todo o máis, cun protagonista malísimo que se apropiara do país para facer canto lle petase, e xa). Non, o franquismo cómpre explicalo para que todos eses novos que o idealizan saiban o que foi exactamente ese período, tamén de que os ditadores non xorden por xeración espontánea.
Eis a importancia de ensaios como este de Lamela, que nos pinta aos mamporreiros da camisa azul mahón axudando nas tarefas de “limpeza, pacificación e control” (termos que se repiten en varias das fichas dos falanxistas pescudados por Luís Lamela) de cidades e vilas de Galicia, unha vez que esta en apenas unha semana ficara nas mans dos sublevados.
O ensaio que me ocupa hoxe vai alén deses días e abarca a posguerra, seguíndolle a pista aos implicados ata as primeiras eleccións democráticas, onde os máis testudos seguiron participando en candidaturas de nula repercusión, Falange Española ou Falange Auténtica. Esta última dos chamados hedillistas, por aquel Manuel Hedilla, que aquí se deixa ver pois estaba en Coruña o 18 de xullo do 36, e terá que ver coa “limpeza” conseguinte.
Sería logo el mesmo “limpado” polo franquismo. Como algúns dos elementos que no libro de Lamela aparecen. Algúns, direino sen aspas, idealistas. Outros, os máis oportunistas, uns poucos, se cadra por salvar o pelello. Isto último podemos velo nalgunha das minibiografías presentadas neste libro tan valioso. Que, loxicamente, non pretende ser exhaustivo.
Da parte de Ferrol e bisbarra, a que mellor eu coñezo por razóns obvias, hai ausencias chamativas. Falanxistas á parte, hai momentos moi “de novela” no relatorio lamelián. Así a presenza dun crego que se revira contra dos abusos falanxistas, máis que por demócrata por tipo irascible, nada disposto a que lle entren no curral (adro, para entendérmonos).
Tampouco está mal o caso Lucho Bouza-Brey, irmán do gran poeta Fermín, acusado en Vilagarcía por un falanxista peneque de saudar nun bailongo puño en alto. Hai tamén casos de nachiños, camisas vellas ou novas, que empregan autos confiscados para contrabandear produtos traídos de Portugal etc. E todo canto se poida imaxinar en tempos ben convulsos. Os que Luís Lamela reconta nun libro moi lexible. Si.