LETRAS GALEGAS | Karlotti, sorpresa

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe de "Las adorables derrotas", de Juan Carlos Valle 'Karlotti'
LETRAS GALEGAS | Karlotti, sorpresa

De tantas cousas que fai a prol dos demais, acontece que Juan Carlos Valle “Karlotti” apenas ten tempo para adicarllo a el mesmo. Como escritor, digo. E o conto é que “Karlotti” é, cando menos, poeta. E non nada anecdótico senón categórico. Da mesma maneira que un disparo moi no alto e a súa aposta pola “Poesía Salvaxe”, pleonasmo nidio como dicir Karlotti; vouno espir das aspas, xa que este é o seu nome civil, de cívico e civilizado. (Boto de menos a Guillermo Ferrández, nestes saraos “salvaxes”, dígoo cal o sinto, si.) 

 

Karlotti, en fin, vén de poñer na rúa, na praza, un libro da súa autoría, Las adorables derrotas (Edicións Embora, Ferrol, 2025). Un volume de lectura densa e triste “ma non troppo” porque se, seguindo a Machado, Antonio, “se canta lo que se pierde”; aquí a derrota é relativa, non chegando, non, a desfeita, que iso é outra cousa. 

 

Porque Karlotti, coa súa puchas de Lenin nas baiucas de Zurich, na burfarda ruín aquela, é quen de traer diante nosa un filme de Godard, e sen que el o diga xa nos pon bailar o “madison”, coa Anna Karina polo medio. Non, non se trata dun libro culturalista este de Karlotti, porque os poetas de tal caste adoitan carecer de cultura, e ao poeta de Maside esta saelle polas costuras da chupa de coiro que o reviste, tamén porque as súas referencias viaxan sulagadas na súa pel curtida en mil batallas (e algunhas derrotas, lástima fora). 

 

A súa poesía, a súa poética, chouta alebrestada nun acontecer que vibra en títulos afortunadísimos (“Suave destrucción, amontonar los restos del naufragio”, “Contracción amar armado hasta los dientes de palabras”; sirvan estas dúas mostras para exemplificar). Títulos que enderezan, despois, un inconformismo radical, que se sirve de poemas longos que exercen de salmodias ou ladaíñas para exorcizar o tempo ruín que nos acompaña. 

 

Mais o Karlotti é quen, igualmente, de nos ilustrar con cousas breves que son causa e razón contra do abatimento. Así ese poema fermosísimo poema que se chama “Silenciosa dobla la esquina como un animal sin prisa/ mientras pasos y citas/ se amontonan/ en este/ concurrido abandono.” 


Aquí, neste oxímoro, “concurrido abandono” é onde experimentamos esa sensación de  desamparo múltiple no que incorren os poetas verdadeiros. Aqueles, poucos, que como Karlotti botan man da fe insubornable na Poesía para espilirse do “mal de vivre”, que este poeta e dinamizador cultural, tocado do “mal francés”, no senso meliorativo, coñece ben e oractica. 

 

Lean este libro, e logo se atopan a Karlotti por eses vieiros pídanlle o agasallo da súa palabra. “Delicatessen” vida dun home merciurial, que ten asas nos seus pés de ourensán pasado por Castilla la Vieja, e que me lembra tanto, moito a aquel baluarte salmantino, da “dorada charrería”, pois, o gran Aníbal Núñez. Os dous, como sobres sorpresa.

LETRAS GALEGAS | Karlotti, sorpresa

Te puede interesar