Entre as diversas facianas da personalidade de Ulises Bértolo (avogado de prestixio, reputado profesor de Dereito, secretario da Academia Xacobea) talvez a que maior proxección estea a gañar nos últimos tempos sexa a de aclamado narrador de suspense. Velaí están para o demostrar as novelas La sustancia invisible de los cielos (2015), Orthodoxia (2016) e a supervendas La dama del Norte (2023), obras ás que acaba de sumarse Exitus, thriller que acolle o selo internacional HarperCollins.
Exitus explora a investigación dunha serie de crimes rituais en Madrid nos que converxen o pasado escuro de certas elites, o fanatismo relixioso e o satanismo e mais a loita persoal dunha inspectora de policía marcada a lume por traumas familiares e avesas circunstancias profesionais.
A novela ábrese cunha escena ritual de impacto que vai marcar a intensidade e o ritmo trepidante que presiden todas as súas páxinas. A partir dese momento, a narración avanza entrecruzando unha complexa investigación policial, a análise de rituais satánicos e o retrato dunha sociedade invadida polo poder, o encubrimento e a violencia en todas as súas formas.
Elia Sandoval, a policía protagonista, emerxe como unha heroína complexa, obrigada a enfrontarse tanto aos monstros exteriores como ás pantasmas interiores, nunha historia onde a morte nunca é o final senón o tránsito cara a novas revelacións e perigos.
Son moitas e moi interesantes as fías coas que se tece este intenso relato, que non só propón unha aventura intrigante inzada de xiros de guión, senón tamén unha reflexión sobre o peso do pasado e da familia, o abuso de poder e a corrupción, a vesania relixiosa e o sacrificio e, xaora, a procura de redención e verdade persoal. Noutras palabras: Exitus é tamén, dalgunha maneira, un tratado sobre o Mal, a Fe e o Poder, modulado nunha narración que alterna a crueza policial co simbolismo ancestral e o drama humano.
Hai nestas páxinas personaxes que encarnan roles complementarios e dan razón da espiral de acción, violencia e cegueira transcendente na que viven instalados boa parte dos seres en claroscuro que habitan esta historia.
É o caso da propia Elia Sandoval, ex-inspectora de policía e investigadora privada, aburada pola difícil enfermidade de súa nai e cunha destrutiva relación con seu pai; Miguel Coronado, subinspector intuítivo e iconoclasta, só fidel ao seu particular concepto de xustiza, sempre desconfiante das xerarquías; Dante Blasco, escritor novo e experto en satanismo que moito axudará a ir resolvendo incógnitas; Fermín Zulueta, pai de Elia e poderoso avogado madrileño, cun pasado turbio e amizades indesexables; ou Rojian e Marcus Tekkal, membros dunha familia iézidi iraquí, inmersos nunha vertixe de rituais inveterados que profundan no fanático e no horror sacrifical.
Con estes vimbios Bértolo constrúe unha historia entre o Madrid dos nosos días e o Iraq da aldea de Kopo e o templo de Lalish, que vai e vén entre as rememoracións do pasado dos personaxes e o presente no que se suceden, imparables, todos os feitos que pola novela desfilan.
O resultado é Exitus, unha narración poderosa e palpitante, que abala entre a racionalidade da investigación policial e o fanatismo ritual de seres tétricos, entre a loita pola xustiza e a tentación do poder, entre a busca de sentido e un mundo anegado pola violencia e a escuridade, un reino no que non impera outra lei que a natureza do Mal.