A traxectoria de Vítor Vaqueiro como fotógrafo e escritor é dilatada e chea de merecidos recoñecementos. Non se entende a fotografía antropolóxica, o fotoxornalismo e mesmo a fotografía artística en Galicia sen o seu concurso, como tampouco é posible historiar a poesía galega dos anos 80 e a nosa narrativa de entre séculos sen obras súas xa referenciais como, por exemplo, Camiño de Antioquía (1982), A fraga prateada (1983) ou A cámara de néboa (1989), na lírica, e Os xenerais de África (1999), Os nomes da morte (2002) ou Os espellos do tempo (2008), na prosa.
Esta fértil andaina vese agora enriquecida coa publicación de Ensaios sobre o efémero, colección de minirrelatos que, dende o propio título, amosan o seu singular feitío, non exento de reflexións filosóficas e finísima ironía. Ensaios sobre o efémero figura dividido en tres grandes seccións: “Anais”, “Biografías” e “Relatorios”. A primeira delas, ben orixinal e suxestiva, escolma algúns momentos estelares (a expresión non é miña, débese a Zweig, xaora) nos que personaxes transcendentes viviron intensas e históricas realidades: Xonás no ventre da balea, Xerezade na 1001 e unha noite, os soldados da Legio X Gemina pola Gallaecia, os conquistadores españois no Cozumel dos caribes, os finchados persas convencidos da súa inminente vitoria na chaira de Maratón, a preciosa memoria da Ilíada ou a historia do rei de Chou e a súa barregá.
No bloque dedicado ás “Biografías” son outros persoeiros os que figuran literaturizados, todos eles abondo insólitos, como, poño por caso, Afonso Graña, o rei do Amazonas; Alan Lomax, o musicólogo texano que percorreu Galicia a mediados do século pasado estudando as súas melodías; ou o propio Luis Vaz, o xenial Camões, admirado das descubertas do seu pobo polo universo orbe.
Finalmente, a terceira das seccións, “Relatorios”, engade textos máis ancorados na actualidade ou, polo menos, non directamente vinculados a feitos ou personaxe históricos, nos que tamén se deixan notar frecuentacións queridas de Vaqueiro, como as súas lecturas de As mil e unha noites, de Borges, de Otero Pedrayo ou de Méndez Ferrín, por amentar só algunhas.
Entendo precisas dúas aclaracións para ben interpretar a aposta que nestes minirrelatos se ofrece: en primeiro lugar, o seu carácter intertextualizante e macrotextual, pois non poucos destas historias teñen unha evidente relación coa escrita de textos que xa foran recollidos en O soño dirixido, Os xenerais de África ou Os nomes da morte.
A segunda das cuestións que considero de relevo é o extremo esmero destas prosas, aquilatadas en cada sintagma, en cada adxectivo, en cada aposición, decantadas como unha esencia que o propio autor se impuxo, pois ningunha delas supera as cincocentas palabras. O resultado deste proceder é unha obra que, dalgunha maneira, espella unha obra en construción que, neste caso, abrangue máis de tres décadas de traballo literario, o que confirma o coidado e a depuración coa que se produciu esta escrita.
Ensaios sobre o efémero debía poder contradicir o seu título e permanecer na memoria lectora de moitas persoas. A súa ambición literaria, a súa calidade de páxina e a súa reveladora visitación da avolta peripecia humana do onte, do hoxe e do mañá así o merecen. Que así sexa.