O novo programa mensual da asociación gastronómica, cultural e deportiva A Piruchela, con sede na rúa Trovador Esquío de Neda, vén pisando forte e vaticina unha tempada chea de actividade para case todos os gustos. En agosto convócanse unha ducia de encontros, algún con previa inscrición como o obradoiro de bordado, que terá lugar o xoves 14 ás 19.00 horas.
Como de costume, o cartel divide as citas segundo se dirixan aos socios e convidados ou estean abertas ao público xeral. Nestas últimas atópase un dos “Cinencontros” da entidade, o xoves 7 ás 20.00, no que se proxectará “O toxo na nosa cultura”, coa presenza do director Xosé M. Felpeto.
Tamén pode apuntarse calquera ao obradoiro de bordado, a cargo de Sabela Seco, e quedar despois para aproveitar a sardiñada, a partir das 20.30. Ao día seguinte, o venres 15 ás 20.00 horas, todo interesado poderá asistir libremente á presentación do terceiro disco da Ray Preiland Band, na que se propón unha escoita comentada na lembranza de Marcos Neira, impulsor do proxecto.
As portas seguirán abertas tres días máis: o sábado 16, ás 12.00, para dar a coñecer o libro “Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración”, da historiadora Manuela Santalla e o domingo 24, ás 13.00, Óscar Fojo conducirá un encontro de músicas do folclore sudamericano. Do mesmo xeito, o sábado 30, ás 12.00, o xornalista e director de culturagalega.gal, Manuel Gago, e o ilustrador e artista plástico Leandro Lamas presentarán o mapa “Seres máxicos do Reino de Galicia”, que elaboraron no marco do Festival Atlántica.
A programación comezará co propio mes de agosto, o venres 1, coas semifinais da III Xornada do campionato de chave, cuxa gran final se disputará o venres 8. Esta é unha das propostas para “asociadas e convidadas”, igual que a vindeira edición do “Venham máis cinco”, un grupo de encontro arredor do canto que se reunirá o sábado 23.
Para persoas socias tamén está pensado o roteiro guiado, que partirá o sábado 9 do chiringuito do Belelle, e a terceira saída en bicicleta, que despedirá o mes, o domingo 31. Ademais, para os afiliados á parte gastronómica, o domingo 17 celebrarase un xantar no que se degustará unha receita de “atún á moda de Ana Pérez”.