A Xunta consolida a Rede de Atención Temperá con 12 millóns de euros máis

A Xunta consolida a Rede de Atención Temperá con 12 millóns de euros máis
Imaxe dunha das sesións das especialistas con nenos da unidade de Val do Dubra

A Xunta consolida a Rede Autonómica de Atención Temperá cunha nova orde de subvencións para a creación duns servizos específicos que asistirán a máis de 5.000 nenos en toda Galicia.


Con data de 31 de xaneiro, o DOG publicou a resolución de axudas para a creación destas unidades por parte de entidades municipais, informaron desde a Consellería de Política Social e Xuventude.


Neste sentido, a titular deste departamento autonómico, Fabiola García, destacou que durante os últimos anos a Xunta realizou unha aposta importante pola creación destes servizos e concretou que no ano 2009 existían só dúas unidades para quince concellos, mentres que na actualidade xa son máis de corenta os centros de Atención Temperá. “É dicir, cada vez máis familias galegas  contan con este servizo ao carón das súas casas, o que fomenta a igualdade de oportunidades” , sostivo Fabiola García.

 

 

Características


As denominadas Unidades de Atención Temperá ofrecen un conxunto de intervencións dirixidas a nenos de 0 a 6 anos, a súa familia e o seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os menores con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.


Este tipo de recursos resultan imprescindibles para identificar dificultades e actuar ante calquera complicación que se presente, e sen ter que desprazarse lonxe do seu municipio de residencia, pois a intención é seguir estendendendo a rede para que chegue a toda Galicia.


Como novidade, esta convocatoria, dotada con 12 millóns de euros, será de carácter plurianual, o que permitirá darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en funcionamento, ao garantir a seguridade financeira e reducir a burocracia para solicitar as axudas, sinalaron desde a área  que xestiona Fabiola García.


Os servizos de Atención Temperá ofrecen a intervención biopsicosocial necesaria para a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais que permitan mellorar a autonomía do neno, a  convivencia social e familiar, e tamén a inclusión social.


Os expertos insisten en que canto máis axiña se detecten os problemas, mellores resultados se poden obter da intervención dos especialistas, polo que resulta esencial que as familias conten con toda a información sobre o proceso evolutivo normalizado dos seus fillos. 

A Xunta consolida a Rede de Atención Temperá con 12 millóns de euros máis

Te puede interesar