O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu este xoves a planificación sanitaria do Sergas fronte ao verán que se fai mediante unha “optimización” dos recursos, aínda que asegurou que o “100% das camas dos sistemas sanitarios públicos galego estarán a disposición cando sexa necesario”.
En declaracións aos medios tras a presentación da memoria de 2024 da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Caamaño saíu así ao paso das críticas dos sindicatos que denuncian o peche de camas previsto nos hospitais e que sitúan en máis de 700 as que deixarán de estar dispoñibles.
Con todo, o conselleiro insistiu en que a asistencia sanitaria en Galicia está plenamente garantida durante o verán a pesar de que se fixo unha “optimización” das camas como “resultado dunha planificación xa predeterminada en función das taxas de ocupación de anos anteriores”.
En todo caso, asegurou que de ser necesario utilizaríanse o 100% das camas do servizo sanitario e “é máis, se fan falta, poderíanse poñer aínda máis”.
“De maneira que a operatividade é máxima, as camas non se pechan, iso non ten ningún sentido”, esgrimiu. Cuestionado pola planificación do Sergas para responder o descanso do persoal sanitario mediante a incorporación de Médicos Internos Residentes (MIR) de último ano en centros de saúde e nos PAC, e a activación dunha bolsa de profesionais voluntarios para cubrir vacantes, Caamaño reiterou que espera que o plan funcione porque xa deu bos resultados o pasado ano.
Incidiu en que no seu departamento confían “en que a cousa vaia ben” aínda que en sanidade “nunca podes asegurar que a cousa vaia ben porque depende moito das circunstancias que se dean”.
En todo caso, subliñou que o deste verán “é un plan que está moi ben definido, moi ben planificado e moi ben orientado en función das necesidades das diferentes áreas sanitarias”.