A redución do canon de Sogama suporá un aforro para os galegos de máis de once millóns

A redución do canon de Sogama suporá un aforro para os galegos de máis de once millóns
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández

Sogama rebaixará este ano o canon que aplica aos concellos adscritos ao seu sistema ata nun 21%, unha medida que se traducirá nun importante aforro para os galegos, cuantificado en máis de once millóns de euros.


Así o confirmou onte o presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen mantivo unha reunión co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, un dos municipios que se beneficiaron o ano pasado da bonificación ao conseguir certificar a consecución dos obxectivos fixados en materia de produción e reciclaxe de residuos.


En concreto, a empresa pública rebaixará este ano o canon aos 295 concellos adscritos ao seu sistema nun 5%, o que suporá pasar dos 69,48 euros/tonelada de 2021 aos 66,00 euros/tonelada do presente exercicio.


Así mesmo, tamén manterá a bonificación do 10% aplicada desde fai xa tres exercicios a aqueles entes locais que, se o teñen solicitado, acrediten o cumprimento dos requisitos esixidos, isto é, promover a menor produción de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros depositados no contedor amarelo, e trasladar a rebaixa aos recibos dos cidadáns. Neste caso, o canon situarase en 59,40 euros/tonelada.


Preto do 21%

Tendo en conta estas dúas deducións e que, adicionalmente, Sogama non aplicará o IPC correspondente a 2022 (6,5%), a rebaixa total podería chegar ao 21%, o que se traducirá nun importante aforro para os galegos.


Así se recolle na resolución publicada no DOG sobre o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos e a bonificación deste ano.


En balance, un total de 165 concellos solicitaron en 2021 a bonificación do 10% do canon, dispoñendo de prazo ata o próximo 1 de marzo para certificar a aplicación das medidas referenciadas. En termos xerais, esta rebaixa, aplicada durante tres anos consecutivos, supuxo ata o de agora un aforro para os galegos de máis de nove millóns de euros.


O obxectivo da Xunta con esta bonificación e a redución adicional fixada para este ano é, máis alá de contribuír a aliviar a presión sobre a economía das familias, golpeadas pola crise do covid e o aumento do prezo de distintos servizos como a electricidade, compensar o negativo impacto que terán os impostos impulsados polo Goberno central e que gravarán o uso do vertedoiro e a propia valorización enerxética.


A decisión estatal contrasta, ademais, co feito de que esta última se contempla na normativa vixente como a mellor opción de tratamento para aqueles residuos que non se poden reciclar, permitindo diminuír ao máximo o depósito en vertedoiro.


Mentres, a Xunta avanza na súa estratexia de economía circular, realizando importantes investimentos cos que prevé incrementar de forma substancial as taxas de reciclaxe. 

A redución do canon de Sogama suporá un aforro para os galegos de máis de once millóns

Te puede interesar