A Consellería do Medio Rural oferta o primeiro curso de especialización en floraría e arte floral no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, no concello de Bergondo, unha das principais novidades de cara o curso 2025/26. Trátase da primeira vez que se imparte esta formación nos centros adscritos a Medio Rural, e para acceder a ela cómpre dispor do ciclo de grao medio en Xardinería e Floraría. Con este curso facilítase a especialización nun campo de gran demanda creativa, adquirindo unha formación técnica avanzada que vai máis alá do coñecemento básico que se obtén no ciclo de grao medio.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería, ofrece formación cualificada centrada no sector primario a través de seis Centros de Formación e Experimentación Agraria repartidos pola comunidade. Son os de Guísamo (Bergondo), Sergude (Boqueixón), Becerreá, Pedro Murias (Ribadeo), Monforte de Lemos e Lourizán (Pontevedra).
Para o vindeiro curso 2025/26 a Consellería do Medio Rural ofertará un total de 406 prazas de novo ingreso nos seus seis centros de formación, o que supón un 11% máis con respecto ao curso actual.
Estos CFEA levan máis de 60 anos formando profesionais na rama agraria, o que permite ofrecer unha formación de calidade, eminentemente práctica e participativa, o que contribúe a que o persoal formado acade un grao de destreza e confianza nos seus coñecementos que o fan especialmente apto para a incorporación ao mundo laboral. Ademais, o alumnado ten un índice de inserción laboral próximo ao 100%.
A Consellería do Medio Rural oferta un total de oito ciclos de grao medio nas diferentes modalidades e seis de grao superior, que abranguen toda a rama agraria, desde o ámbito da xardinaría e a floraría ata a produción agroecolóxica, a gandaría ou a xestión forestal.
Ademais do incremento no número de prazas ofertadas, inclúense outras novidades de cara o curso 2025/26, como a apertura da residencia do Pedro Murias de Ribadeo, cun total de 21 prazas, o que será un bo atractivo para o alumnado; así como a duplicación das prazas na modalidade intensiva de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal no CFEA de Sergude. O período de solicitude de praza nos centros será do 16 de xuño ao 2 de xullo.
O CFEA de Guísamo está localizado dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Ademais, as características desta contorna, coa súa salientable vocación residencial e unha significativa presenza de paisaxes naturais de elevado valor ambiental, fan que a súa oferta formativa atope nesta zona un medio propicio para o desenvolvemento profesional do seu alumnado. Este é un dos motivos polos que o CFEA de Guísamo oferta, desde hai varios cursos académicos, o Ciclo de Grao Medio en Xardinaría e Floraría e o Ciclo de Grao Superior en Paisaxismo e Medio Rural, ambos os dous na modalidade virtual en réxime xeral. Trátase do único centro que ofrece formación online.
O aspecto diferenciador deste centro na formación con esta modalidade é que reforza os contidos da plataforma telemática mediante a celebración de sesións presenciais de carácter voluntario e eminentemente práctico ao longo de todo o curso. A planificación docente permite abordar unha completa formación práctica en materias tan diversas como cultivos hortícolas e frutícolas, transformación de produtos e elaboracións enolóxicas, viveirismo, deseño de xardíns ou traballos en altura, apoiándose nas 9 ha que ocupan as súas instalacións.
O CFEA tamén ofrece a posibilidade de cursar ambos os dous ciclos na modalidade presencial, contando coa colaboración das empresas sectoriais e entidades, tanto da contorna próxima como doutras partes da comunidade, que apoian a este centro na formación do seu alumnado.
No curso actual 2024/25 matriculáronse en Guísamo 232 persoas nestes ciclos, das cales máis da metade son mulleres. Cómpre lembrar que nalgún caso se acadaron altas taxas de matriculación, acadando o 96% das prazas cubertas no Grao Superior en Paisaxismo e Medio Rural. Para o vindeiro curso a oferta de primeiro nos diferentes ciclos ascende ás 164 prazas.
As instalacións de Guísamo contan cun predio dunhas 9 hectáreas de superficie, onde os estudantes poden realizar traballos prácticos en cultivos de horta, viñedo e froiteiras, en paisaxismo, en xestión do solo e noutras técnicas necesarias para a formación no sector agrario.
Dispón de invernadoiros para cultivo de plantas e horta, talleres, maquinaria agrícola, equipos especializados e ferramentas para que os/as alumnos/as poidan aprender a utilizalos nunha contorna controlada, e así mellorar a súa preparación para o mercado laboral. Ademais, conta con instalacións adicionais, como a nave para control e calibrado de equipos de aplicación de fitosanitarios ou a adega e laboratorio de enoloxía, entre outras. Sen dúbida, as instalacións dispoñibles no centro e a superficie son fundamentais para proporcionar aos estudantes unha educación práctica que os prepare para os desafíos do mundo laboral no ámbito agrario.
Ademais de ofrecer formación regrada, os centros da Consellería desenvolven unha ampla variedade de programas formativos, como o curso de Aptitude Empresarial Agraria, que permite a incorporación de traballadores ao mundo agrario, dándolles as ferramentas necesarias para xestionar unha explotación agraria con éxito, ademais de lles facilitar o acceso a axudas específicas e subvencións para novos agricultores.
Guísamo desenvolve accións no marco do “Plan de formación para o agro galego”, relacionadas co desempeño da actividade profesional, como son os cursos de capacitación para os usuarios profesionais de produtos fitosanitarios, poda de froiteiras ou viticultura e enoloxía avanzada, entre outros.