O Camiño de Santiago encadea récords e este ano espera superar por primeira vez o medio millón de peregrinos, con roteiros minoritarios que gañan adeptos, mentres os veciños piden botar o freo e outro modelo turístico ante problemas como o encarecemento da vivenda ou o ruído.
O ano pasado 499.171 peregrinos completaron o roteiro xacobeo, un 12% máis que en 2023 e unha cifra que se espera superar en 2025, cando o Camiño acumula un crecemento do 9%, segundo cifras da Oficina de Acollida ao Peregrino.
Este ano aumentaron todos os meses excepto marzo –polo efecto da Semana Santa, que en 2024 foi ese mes e en 2025 en abril– e, a pesar das queixas de veciños que denuncian unha masificación, desde a administración defenden que crece de forma ordenada.
“Crece máis nos meses de menor demanda”, asegurou o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que considera que coa promoción da Xunta “logrouse xerar na poboación mundial unha expectativa moi elevada da experiencia que supón” este roteiro.
Máis aló da promoción institucional, o boca a boca tamén funciona: “É a segunda vez que o fago, coa miña familia. Eles non o facían nunca e sempre lles falaba moi ben da experiencia”, contou o alacantino Guillermo á súa chegada á capital galega, tras seis días camiñando desde Sarria.
Aínda que se seguen vendo moitos españois, os estranxeiros son maioría e roldan o 60% do total, procedentes sobre todo de Estados Unidos, Italia, Alemaña, Portugal, Reino Unido e Francia. Santiago Ways, un dos principais operadores turísticos que organiza viaxes para o Camiño, espera este ano un 20% máis de peregrinos estadounidenses, mexicanos, arxentinos e británicos.
Merelles apunta a Brasil, México, Australia ou Sudáfrica como outros mercados onde medrar. Tamén hai promoción específica en países onde se detecta crecemento, como Polonia, Ucraína ou Croacia.
A Xunta aposta pola diversificación, porque “todos os camiños son válidos para chegar a Compostela”, opina Merelles. Aínda que o Camiño Francés segue sendo maioritario, crecen outros como o portugués (o ano pasado un 42%), e aumentan ademais as persoas que peregrinan movidas por unha razón non relixiosa, como o contacto coa natureza, a cultura ou buscarse a un mesmo.
Pero á vez que crecen os peregrinos, crecen as denuncias dos veciños do centro histórico, onde se vive un aumento do prezo da vivenda e transformación do comercio, os servizos dos barrios e os comportamentos incívicos dos visitantes.
Mon Vilar, presidenta da Asociación Xuntanza, indica que “hai unha idea errónea no relato sobre a cidade de que vivimos do turismo e temos que aceptar que todo o que pasa é normal”e pide desestacionalizar de verdade o Camiño, controlar os fluxos, cambiar o modelo turístico e facer cumprir as ordenanzas municipais.
A Xunta, non cre que haxa unha masificación. Merelles di que “non se pode demonizar aos peregrinos” que e traballar o equilibrio entre cidadáns e visitantes “non ha de ser difícil”.