A vocalista Carla Romalde é a conexión ferrolá do grupo Zavala, que, da man de Ferror Records –selo tamén ferrolán–, anuncia a publicación do seu primero traballo, “Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica)”, primeira parte –xa o di o título– dun proxecto de debut que vai dar que falar. En total, trece cancións nas que a electrónica vai gañando terreo paseniñamente até facerse co control.
“Ao principio”, explica Víctor Ledo, o guitarrista, “queriamos facer algo máis tradicional, máis acústico, música en galego. Pero, como dicimos nós, a cabra tira ao monte e a electrónica está aí moi presente”. E máis que o vai estar, adianta. “Nestes discos –a segunda parte xa está rematada– podemos dicir que hai un 50% de electrónica e, no seguinte, moito máis”, sinala, aínda que puntualiza: “Tamén hai unha parte intimista, máis acústica, hai acordeóns, violas... A idea era facer algo distinto”.
Ese foi o marco que estableceron, na época da pandemia, Víctor e Carla. “Cada un na súa casa, comezamos a partillar material: eu enviáballe as bases e ela as voces gravadas co móbil. Cando pasou aquilo, xuntámonos cos demais e xa comezamos a gravar o que tiñamos, que era moito”.
O guitarrista apunta que houbo conexión desde o primeiro momento. “Eu estaba nun tribunal de oposicións e ela cantou Sés. Quedei con esa idea e a través de amigos en común contactamos e comezamos a traballar”, lembra. “A súa voz encaixa perfectamente con este concepto de música”, destaca.
Os 26 temas deste “Pequeno manual...” son orixinais. Non hai unha soa versión. “Non ten sentido porque temos un repertorio moi amplo”, subliña Ledo. A edición dixital sairá a finais de mes e en formato físico en xaneiro.
O obxectivo de Zavala é agora envorcarse no directo para mostrar a súa particular achega á música en galego. “Coido que hai un antes e un despois de Tanxugueiras e de Baiuca”, afirma Ledo, quen non quere esquecerse doutros referentes como Guadi Galego, Mercedes Peón ou Sés. “Agora”, di, “estamos nun momento súper chulo para a música galega. De feito, creo que a música e a literatura están facendo máis pola normalización que outras iniciativas. E todo este movemento emerxente creo que é a punta do iceberg: vai ir a máis nos vindeiros anos”.