A Xunta exporá o plan de usos das Fragas tras explicalo onte nunha reunión da xunta reitora

A Xunta exporá o plan de usos das Fragas tras explicalo onte nunha reunión da xunta reitora
Os responsables autonómicos, durante a reunión da xunta reitora na que se expuxo o Plan Reitor de Usos e Xestión | cedida

A Xunta de Galicia presentou onte nunha reunión da xunta reitora do Parque Natural Fragas do Eume unha nova versión do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) para este espazo, o único destas características que, en Galicia, aínda non ten en vigor este documento esencial de planificación. Despois de dar este paso, agora será sometido a exposición pública e abrirase un período de alegacións, tras o cal se poderá levar ao Consello da Xunta para a súa aprobación.


Desde a Consellería de Medio Ambiente informaban onte de que o obxectivo é completar esta tramitación canto antes, no que será, segundo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, un fito trascendental para o conxunto de Galicia.

 

 

Nova zonificación


O PRUX presenta unha nova distribución en zonas, con catro niveis nos que a protección varía para permitir compatibilizar o uso privado do terreo (o 80% está en mans de particulares) coa conservación ambiental dunha das mellores representacións de bosque atlántico de Europa.


Os concellos do parque –Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes–, os propietarios dos terreos, representantes do tecido asociativo da zona, a comunidade de montes existente, empresas do sector turístico, clubes deportivos e tamén produtores agrogandeiros e pescadores foron consultados durante o proceso. Un diálogo que a Xunta destaca pero que aínda deixa asuntos pendentes no que non todas as partes coinciden.


Así, desde o Concello de Cabanas fan aportacións para modificar un documento para o que hai acordo na súa base pero que “é mellorable”, apunta o tenente de alcalde e concelleiro Iago Varela. Despois de 25 anos agardando (a declaración como Parque Natural é de 1997) “é preferible dedicarlle un pouco máis de tempo e chegar ao máximo consenso”.

 

 

Máis reserva e compensacións


Desde Cabanas piden que se amplíe a superficie considerada como reserva, a que ten a protección máis estrita. Proponse na actualidade un 3,5% da superficie total do parque e consideran que é “pouco ambicioso”.


Ademais, preocúpalles que sigan sen contemplarse compensacións aos propietarios polas limitacións que teñen nos seus terreos. Fóra do que se consideran núcleos consolidados (que non chegan ao 1% da superficie) existen dúas zonas con proteccións diferentes –ademais da reserva– que condicionan os traballos que se poden desenvolver e consideran desde o goberno cabanés que hai opcións para, ou ben comprar eses terreos, ou chegar a acordos cos donos.


O non aumento da dotación que atende o Parque –a pesar de que o persoal vaia asumir máis funcións– ou un orzamento para os vindeiros dez anos de 2.000.000 de euros (uns 200.000 anuais), que consideran “claramente insuficiente”, son outras das peticións que porán enriba da mesa en futuras reunións ou no período das alegacións. 

A Xunta exporá o plan de usos das Fragas tras explicalo onte nunha reunión da xunta reitora

Te puede interesar