Vicente Araguas | “O amor é un tema que me fascina; son un romántico”

Vicente Araguas | “O amor é un tema que me fascina; son un romántico”
Entrevista a Vicente Araguas

Cinco meses despois da publicación do título en castelán “Ayer y todavía”, Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con “O amor non se fala soamente. (Ronsel do 68)”, editado por Medulia.

Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.

Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.

O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.

Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.

“Aquela ‘revolución’ do 68 supuxo un cambio nos hábitos e nos costumes; foi tamén unha revolución sexual”, di. Nese ronsel do 68 que Araguas recolle en poesía non faltan as alusións ao amor. “O amor é un tema que me fascina, para min é algo tan misterioso... Son un romántico no dobre sentido da palabra, no sentido de romántico impetuoso que se move por causas, etc; pero tamén no sentido sentimental”, salienta.

Convertido recentemente en avó da pequena Chiara, Araguas presentará o seu libro mañá venres, na súa terra, que é Neda. Será ás 19.00 horas na Casa das Palmeiras. l

Vicente Araguas | “O amor é un tema que me fascina; son un romántico”

Te puede interesar