Unha investigación local afonda no uso do láser para a limpeza de barcos

Unha investigación local afonda no uso do láser para a limpeza de barcos
Desde a esquerda, Ana Xesús López, Alberto Ramil, Alicia Moreno e Javier Lamas

Moitos e moi diversos son os proxectos que curso tras curso nacen nos talleres e laboratorios do Campus Industrial de Ferrol. Desta volta, a institución académica informa da investigación desenvolvida por profesores e investigadores do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni). Ana Xesús López, Alberto Ramil, Alicia Moreno e o responsable do Departamento de Tecnoloxía na empresa Anta Norte SL, Javier Lamas, presentaron a finais de novembro, na sétima edición da Semana Internacional do Láser que organiza o Centro Tecnolóxico Aimen, os resultados preliminares dunha investigación centrada no uso da tecnoloxía láser para a limpeza dos cascos de embarcacións de fibra de vidro.
 

Logo de varias conversas coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o equipo investigador propúxose avaliar a capacidade de eliminación da pintura “antifouling”, tamén coñecida como patente o antiincrustante –tratamento especial que evita a adherencia de algas ou calquera outro organismo mariño ás embarcacións, reducindo así as posibilidades de avarías–, botando man da tecnoloxía láser.
 

Parte do traballo do grupo consistía así en determinar a cantidade e intensidade dos danos ou cambios no casco dunha embarcación ao tempo que validaba o uso desta técnica de ablación láser ultrarrápida e completamente verde en superficies reais con certo desgaste.
 

Experimentos

Para iso, en colaboración con Anta Norte, o profesorado implicado realizou diversos experimentos. No primeiro deles, explican desde o propio Campus Industrial, empregaron unha chapa de fibra plana con parámetros coñecidos, fabricada nun estaleiro, sen desgaste forzado e recuberta con matriz autopulimentable subministrada por Astilleros Deportivos Ferrol SL.
 

Esta mesma firma proporcionou tamén a fibra recuberta, neste caso, con matriz dura para o desenvolvemento do segundo experimento. 
 

“Por último, para o terceiro experimento, usaron unha chapa de fibra procedente dunha embarcación varada con matriz descoñecida sometida a procesos de desgaste nunha contorna real facilitada pola Autoridade Portuaria de Ferrol–San Cibrao”, indican desde o campus ferrolán. 
 

Os resultados analizáronse mediante unha lupa binocular, un microscopio interferométrico e un microscopio petrográfico logo de empregar para a limpeza destas fibras un láser de nanosegundo e outro de femtosegundo.
 

Conclusión

As conclusións preliminares do estudo determinan que si é factible limpar capas de pouco espesor de pintura “antifouling” de cascos de embarcacións de fibra de vidro usando un láser pulsado de femtosegundo teñan ou non pequenos danos superficiais.
 

“Cun número razoable de pasadas, a nivel macroscópico non se aprecian danos ou efectos térmicos na superficie destas fibras. A nivel microscópico, si se poden observar porosidades superficiais semellantes ás producidas por un alfinete e que poderían estar asociadas ao uso do láser ou ben ao proceso de fabricación da propia fibra”, explica a profesora e investigadora Ana Xesús López.
 

A seguinte fase da investigación, avanzan, será o estudo da súa viabilidade industrial coa posta en marcha dun proxecto no que se realizará o cálculo dos tempos de limpeza robotizada e se realizarán probas de detección en superficies máis complexas, indican desde o Campus.

Unha investigación local afonda no uso do láser para a limpeza de barcos

Te puede interesar